A cita máis inmediata na campaña de externalización da industria editorial galega é a Bienal do Libro de Sao Paulo, en agosto.
Unha imaxe da Bienal do Livro de Sao Paulo
A Asemblea Extraordinaria a Asociación Galega de Editores (AGE) decidiu este martes reelixir como presidente a Alfonso García Sanmartín, que leva dous anos á fronte da AGE (substituíra a Miguel Anxo Fernán Vello) e que continuará dous anos máis. O equipo directivo queda tamén configurado polo vicepresidente, Fran Alonso (Edicións Xerais de Galicia); a secretaria, Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro); a tesoureira, Pilar Sampil (Editorial Galaxia) e cinco vogais: Francisco Villegas (Edicións do Cumio), Irene Penas (Everest Galicia), Antonio Balboa (Edicións Lóstrego), Consuelo Carreira (Sotelo Blanco Edicións) e Tucho Calvo (La Voz de Galicia).
Alén dos nomeamentos, os editores galegos fixeron balance da actividade desenvolvida pola asociación nos últimos anos, e analizaron a situación do sector e as súas perspectivas de futuro. Fixouse como prioridade a promoción exterior do libro galego, comezando por unha intensa actividade das editoras do país na Bienal do Libro de Sao Paulo, que se celebrará en agosto, e que constitúe un dos mercados do libro máis importantes do mundo.
Asemade, anunciouse que o Simposio O Libro e a Lectura que a AGE celebra anualmente vai afondar na súa quinta edición a visibilidade do libro galego no exterior e a súa proxección. Este encontro podería celebrarse no marco da Feira Galega das Industrias Culturais, Culturgal, que terá lugar entre o 4 e 7 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.