Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Goberno e editores coinciden na necesidade da internacionalización

Da Habana a París, Boloña, Londres, Barcelona, Bos Aires, Frankfurt... Espazos para o libro

O sector do libro insiste na importancia da proxección exterior da cultura do país e láiase das críticas dos que considerar que é "dilapidar" cartos.

Redacción - 14:20 09/03/2008

"É un dos obxectivos prioritarios en 2008". Así o subliña a Asociación Galega de Editores, AGE, ao respecto da aposta concreta pola internacionalización do libro galego e de xeito xeral, da "promoción da industria cultural galega". Os editores teñen a convicción de que a asistencia a estes encontros profesionais é clave para pular pola proxección da cultura do país.

Nesa liña prevén para os próximos meses a participación en cando menos sete das principais feiras profesionais que se celebran en Europa e Latinoamérica. "Son importantes encontros para reforzar a proxección internacional do sector editorial galego", indican desde a AGE, recordando que as editoriais gozan aí de escenarios clave para daren a coñecer as súas producións, negociar colaboracións, compartir dereitos e coñecer casas editoriais, distribuidoras e demais actores do sector procedentes de países de todo o mundo. Ao respecto, os editores láianse das críticas recibidas desde o Partido Popular, formación que considerou que a viaxe a Cuba foi "un desbalde de cartos públicos".

É por isto que logo da considerada "exitosa participación" de Galiza na Feira Internacional do Libro da Habana, os editores xa marcaron na axenda viaxes á Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, á Feira do Libro de Londres, á Bienal do Libro de São Paulo, a Feira Liber de Barcelona, a Feira Internacional de Frankfurt e a Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México).

O Goberno apoiará a estratexia
Desde a Consellaría de Cultura sinalan que a aposta pola internacionalización xa apareceu estabelecida nos propios orzamentos do departamento, onde se recollía unha previsión de até 3,42 millóns de euros para actividades de difusión exterior non só da produción editorial, senón tamén da música e doutras manifestacións artísticas, das artes escénicas ás artes plásticas. Marcas como Letras de Galicia, Read Galicia ou Galician Tunes demostraron xa a efectividade nesa aposta, segundo defenden desde Cultura.

Esas liñas estratéxicas serán debulladas e debatidas no Parlamento o próximo martes, onde a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, comparece a petición propia para explicar as accións de promoción exterior realizadas até o de agora e amplia datos sobre a delegación cultural que estivo na capital cubana. Bugallo xa definira de "gran éxito" a presenza de Galiza na Feira do Libro da Habana, onde a cultura galega foi protagonista de 200 actividades literarias e artísticas e 11 exposicións, ademais de participar nun marco "moi frutífero para contactos estratéxicos" con axentes culturais e editores doutras partes do mundo, principalmente de Latinoamérica.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: