O responsábel da empresa que patrocina o sistema operativo, Canonical, tamén rexeitou a publicidade insertada no software.
Mark Shuttleworth
O fundador da popular distribución Ubuntu Linux, o multimillonario surafricano Mark Shuttleworth, marcouse como obxectivo para os vindeiros dous anos conseguir un escritorio "máis bonito" ca o do sistema operativo de Apple. O presidente de Canonical fixo esas declaracións durante a Convención de Código Aberto de O'Reilly (OSCON).
"Penso que a gran tarefa que temos por diante nos dous próximos anos é elevar a experiencia do escritorio Linux dende algo estábel e usábel, mais non fermoso, a algo que sexa arte", explicou, e puxo como exemplo a interface do iPhone.
Para acadar esa meta, fai falta persoal. Shuttleworth amosouse en contra de incluír publicidade nas aplicacións para financiar ese custo, e apostou por que os vendedores independentes de software fagan diñeiro vendendo servizos.