O software achega un xeito simple de instalar o sistema operativo aberto sen complicacións.
Wubi é un programa que permite instalar Ubuntu de forma sinxela directamente dende Windows. O software evita todas as incomodidades que pode supoñer ter que gravar un Live CD, executalo dende o lector de DVD ou ter que facer particións no disco duro.
O instalador dá a posibilidade de dispoñer da última versión de Ubuntu, a 8.04, prevista para o mes de abril, ou a anterior de longa duración, a 7.04. Tamén se pode escoller entre instalar a modalidade por defecto, Ubuntu, ou Kubuntu, Xubuntu e Edubuntu. O mesmo programa encárgase de descargar o sistema operativo, que pode pesar preto de 600 megas, e de instalalo nunha carpeta máis do disco duro de Windows.
Cada vez que se arranque o computador, poderase optar entre entrar no sistema de Microsoft ou ben probar a versión de Ubuntu instalada, que se poderá, tamén, desinstalar como un programa máis de Windows ou instalalo permanentemente nunha partición á parte do disco duro.
O Ubuntu instalado con este sistema ten como desvantaxe a súa maior lentitude ca un instalado do xeito tradicional, aínda que segue a ser moito máis rápido ca a versión Live executada dende o CD. Tamén é máis dado a sufrir corrupción de datos se non se apaga o computador correctamente, mais ten como vantaxe o feito de que se pode acceder directamente aos arquivos creados en Windows.
O que non se pode facer é executar os dous sistemas operativos ao mesmo tempo. Para iso haberá que botar man dun software de virtualización, quer dende Windows, quer dende Ubuntu, aínda que a súa instalación xa precisa duns certos coñecementos informáticos.
Agora, xa non hai escusa para probar un sistema operativo libre.