A institución tramitou 2.280 queixas, entre as que salientaban tamén as relacionadas co medio ambiente, en concreto coas concesións mineiras no Courel.
Benigno López e Dolores Villarino, na entrega dun informe anterior
O Valedor do Pobo entregou este luns á presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, o informe ordinario do ano 2007, onde as cuestións relacionadas con obras públicas e as expropiacións foron as que maior número de queixas xeraron ante a institución.
O valedor, Benigno López, explicou que en materia de expropiacións "se corrixiron disfuncións observadas noutros informes", aínda que advertiu da "insuficiente resposta" da Consellaría de Política Territorial con respecto á fixación do tempo xusto para cobrar as expropiacións.
Tamén chamou a atención sobre atrasos en cualificacións urbanísticas e sobre as baixas valoracións económicas que se observan nalgunhas situacións. Ademais, López amosou a súa preocupación por "casos de expropiacións de vivendas habituais".
En total, neste eido rexistráronse 319 do total das 2.280 queixas tramitadas o ano pasado polo Valedor do Pobo (medio milleiro máis ca en 2006), onde tamén superaron as 250 as relacionadas coa administración económica, comunicación e novas tecnoloxías (293) e as de medio ambiente (278).
Mina da Campa, en Folgoso do Courel
Chaman a atención en relación con este último apartado, os 119 expedientes presentados no Concello de Folgoso de Caurel, a maioría en referencia as explotacións mineiras da zona, e máis concretamente á coñecida como Mina da Campa.
No seu informe, o Valedor expón: "A explotación encóntrase nunha zona sensíbel a actuacións deste tipo, a pesar da súa estraña exclusión do espazo natural LIC Ancares-Courel. Como sinalou a propia administración, o Concello de Folgoso do Caurel non está incluído no espazo protexido na súa totalidade senón nun 96% da súa superficie, quedando excluída do LIC a zona de Canteiras de Vilarbacú, Pacios da Serra e Santa Eufemia que inclúe a canteira obxecto do escrito.
"Parece que se buscou a exclusión dos espazos das canteiras para non declaralos formalmente como protexidos, pero esta mesma circunstancia parece confirmar que se trata dunha zona fráxil ou sensíbel", conclúe o Valedor.
Outras das áreas onde tamén houbo un elevado número de queixas foron urbanismo e vivenda, emprego público e interior, sanidade e xustiza.