Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Baloncesto

O Tribunal Superior de Xustiza confirma o Obradoiro na ACB, pero en 2009

Parece que xa se chega ao final do chamado 'Caso Obradoiro', despois do xuíz emitir un segundo veredicto, favorábel a entidade compostelá.

Redacción - 11:15 11/07/2008
Solsona, xogando no Obradoiro a finais dos 80

Solsona, xogando no Obradoiro a finais dos 80

O que se deu en chamar 'Caso Obradoiro' podería estar chegando ao seu fin. Hai uns días a Asociación de Clubes de Baloncesto (ACB) decidiu, na súa asemblea xeral, excluír ao Obradoiro CAB da liga de 2008-2009. Mais tamén se botou atrás, após chegar a un acordo, hai dous meses, coa Federación Española de Baloncesto e o clube compostelán, para que este último comezase a xogar na primeira liga do Estado en 2009-2010, "coas mesmas condicións estabelecidas para a tempada 2008-2009".

Como as cousas non avanzaban (a ACB non quería firmar o último acordo, e mesmo chegou a incluír, nas últimas semanas, o clube na listaxe dos que comezarían xa a tempada este ano) os administradores do Obradoiro recorreron de novo á Xustiza e, en poucos días, o xuíz emitiu un novo veredicto, tamén favorábel aos composteláns: a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid pronunciouse a favor do Obradoiro.

Dende a ACB aínda non dixeron nada sobre se van acatar ou non a decisión, xa que van tomar uns días para estudala. Dende o equipo compostelán aínda non ven as cousas como "definitivas".

O 'Caso Obradoiro'
Hai 17 anos o equipo compostelán chegaba por primeira vez aos tribunais reclamando unha aliñación indebida na fase de ascenso á ACB da tempada 89-90. Naquela altura xogaban contra o Júver Murcia e un dos xogadores deste equipo, Esteban Pérez, levaba documentos falsos para xogar como español. Estiveron a piques de entrar na primeira liga estatal. En novembro do ano pasado o Tribunal Supremo ditaba unha sentenza que obrigaba á ACB a readmitir ao Obradoiro Santiago até, como límite, a tempada 2009-2010.

O problema principal co que se atopou o clube compostelán ante o posíbel ascenso no vindeira tempada, 2008/2009 foi atopar patrocinadores fortes, así que decidiu aprazalo unha tempada. Para isto, para ascender en 2009, o Obradoiro CAB elaborou un convenio xunto coa ACB e a FEB.

Mais a ACB botouse atrás, xa que, de ascender os composteláns en 2009, serían 19 os equipos na primeira liga estatal, cousa imposíbel. Daquela, para que fosen os 18 de sempre, habería que mudar o sistema de ascensos da LEB Ouro, e, no canto de ascender dous equipos, só ascendería un a vindeira tempada (2008-2009). A ACB, evitando os enfrontamentos cos clubes pola mudanza nos ascensos, tentou botarse atrás no convenio, mais agora a Xustiza volveu apoiar o Obradoiro.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: