Inscribiuno a última hora, pois finalizaba o prazo ditado pola Xustiza, mais aínda están abertas as negociacións para poder aprazar o ascenso unha tempada, até a 2009-2010.
A última hora da segunda feira a ACB inscribiu ao Obradoiro CAB de Santiago de Compostela na vindeira tempada de competición oficial, xusto no último día de prazo para o facer, cumprindo, deste xeito, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que decidiu a súa incorporación á primeira liga do baloncesto profesional estatal o pasado mes de novembro.
A inscrición produciuse após varias xuntanzas entre a Asociación de Clubes (ACB), a Federación Española de Baloncesto (FEB) e o Obradoiro CAB, nas que non se tiña chegado a ningunha conclusión. O que máis preocupaba é que, ao subir os composteláns (que, polo súa parte, pediran o aprazamento do ascenso unha tempada para procurar patrocinios) habería 19 clubes na primeira liga, cousa que non lle chistaba á ACB.
Acordo para mudar o sistema de ascensos
Para que non houbese 19 equipos xogando na ACB na vindeira tempada, había que chegar a un acordo para mudar os sistema de ascensos da LEB Ouro (na actualidade ascenden dous equipos); mais este acordo non chegou e o organismo que dirixe Eduardo Portela decidiu unilateralmente incluír á entidade compostelá na vindeira tempada.
"A Asociación de Clubes envioulle toda a documentación necesaria ao Obradoiro para que clube galego proceda á súa presentación nos vindeiros días, que lle garanta a súa entrada na competición esta próxima tempada, sin prexuízo de que as partes implicadas poida estabelecer un pacto nos seguintes días", dicía o comunicado emitido pola ACB ás 21:00 horas da noite da segunda feira. Con esta última frase, ademais, deixaban claro que se reservan o dereito a pactar un novo final para as idas e vidas do clube compostelán.
O prazo para que as tres partes (Obradoiro, ACB e LEB) cheguen a unha conclusión favorábel para todos (como que os composteláns ascendan na tempada 2009-2010 finalmente, habendo, naquela altura, só 18 equipos na primeira liga e podendo, polo seu lado, procurar os patrocinios precisos), aínda está aberto.