A ACB séguelle buscando os tres pés ao gato na polémica polo acceso do clube compostelán á máxima categoría, decidido polos tribunais. Abonar a cota de entrada e ter un resultado positivo na auditoría serían os requisitos para acceder finalmente a que o Obradoiro forme parte da liga de básquet a próxima tempada, pero segundo a ACB e pechado o prazo ningunha das condicións é superada polos galegos. Ao respecto do canón, os responsables do Obradoiro consideran que só deben pagar a taxa que rexía no ano 1991, cando se lles impediu ascender.
Con lupa mirou a ACB os documentos do Obradoiro, co obxectivo de impedir a admisión do clube á que os tribunais a obrigan. Así, segundo a Asociación de Clubes, por unha banda a documentación presentada sería incompleta e pola outra o canón a pagar polo Obradoiro, de 2.404.048 euros non foi ingresado. Asimesmo, a auditoría á que foi sometido o clube tería amosado un saldo negativo nos fondos patrimoniais de 297.468 euros.
Todo isto sería argumento abondo segundo a ACB para resolver non admitir o Obradoiro na máxima categoría para a tempada 2003-2004 e así lle foi comunicado xa ao clube e á sala do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid que resolvera a favor dos galegos.