Estaba previsto que se xuntasen os directivos do clube compostelán, os da FEB e os da ACB esta sexta feira, mais a reuniu adiouse, ao mesmo tempo que o acordo.
Estaba previsto que esta sexta feira de mañá se xuntase a directiva do Obradoiro CAB con membros da Asociación de Clubes de Baloncesto (ACB) e da Federación Española de Baloncesto (FEB) para asinar finalmente un acordo que adiase o ascenso do clube compostelán unha tempada, de tal xeito que, no canto de xogar na primeira liga do baloncesto estatal na tempada 2008-2009, o fixesen na 2009-2010.
Deste xeito, o Obradoiro tería máis tempo para conseguir patrocinios que o apoiasen nesta aventura na ACB, á que tivo que regresar após coñecerse unha sentenza do Supremo que, en novembro do ano pasado, obrigaba a readmitir os composteláns, ratificando a aliñación indebida do Juver Murcia naquela eliminatoria que, en 1990, supuxo o descenso do equipo galego.
ACB e FEB non se aclaran cos ascensos e co número de equipos
Esta quinta feira a ACB botou abaixo esta xuntanza, segundo conta o xornal El Correo Gallego, posto que non quere que compitan na súa liga 19 clubes, cousa que pasaría de ascender o Obradoiro. Ao parecer, os dirixentes da ACB déronse de conta, a última hora, de que existía unha cláusula no preconvenio asinado coa FEB na que non variaba o número de ascensos á máxima categoría na tempada 2008-2009, polo que na seguinte, a 2009-2010, serían 19 os equipos na máxima categoría, situación que trataba de evitar a asociación de clubes.
Ao non chegar a un acordo ACB e LEB, os máis prexudicados son os xogadores e directiva do Obradoiro, que aínda non saben que vai ser deles. Haberá que agardar até a semana que vén.