Os Irmandiños, Feiraco e Colaga xa confirmaron a participación nunha iniciativa conxunta cara á "estruturación" dun sector que recoñecen "desorganizado" na actualidade.
As cooperativas lácteas do país están a un paso de crear a Agrupación Láctea Cooperativa, unha organización que axude a estruturar o sector. Dende que hai un ano se retomara a idea de constituír algo semellante ao frustrado Grupo Lácteo, o diálogo entre as cooperativas foi avanzando e poderase confirmar axiña a identidade de todas as integrantes.
Os consellos reitores das cooperativas interesadas están a presentar a iniciativa aos socios durante todo o mes. Polo momento, xa confirmaron a súa participación na Agrupación, que terá a súa sede en Compostela, Os Irmandiños, Feiraco e Colaga.
A pesar do mal antecedente do Grupo Lácteo Galego, que nunca chegou a cristalizar, a confianza dos participantes en tomar medidas para acadar un sector lácteo competitivo está a levar o proxecto adiante.
A Agrupación pretende lograr transparencia, rigor e confianza entre os operadores do sector, creando mecanismos de relación que favorezan o intercambio comercial moderno e recoñecendo o papel das cooperativas. Tamén aspira a que os gandeiros poidan ter presenza real nas medidas de regulación dos mercados.
O último exemplo do entendemento que está a xurdir entre as cooperativas leiteiras é o anuncio de que catro delas constituirán un proxecto de xestión de oito parques eólicos que levará o nome de Ventos Cooperativos.