Unha ducia de membros do Comité Cidadán de Emerxencia iniciaron un encerro ás 11h do martes, pedindo un pronunciamento do Concello contra a planta de Reganosa.
O dragado da entrada da ría de Ferrol, a posíbel ampliación de Reganosa e o transporte de gas en camións cisterna desde a planta mugardesa son as tres principais denuncias sobre as que o Comité Cidadán de Emerxencia pide o pronunciamento "claro" do goberno local, segundo lle explicou a Vieiros un dos voceiros do colectivo, Alexandre Carrodeguas.
A plataforma cidadá considera que todas estas son novas "ameazas" para a cidadanía e esixe que o Concello, por boca do rexedor Vicente Irisarri (PSdeG), explique cal é a posición da administración local fronte a esta situación. O Comité quixo facer coincidir esta acción coa data previa ao Día Mundial do Medio Ambiente e na mesma semana en que se levará a cabo unha nova mobilización na cidade, o próximo domingo, contra a actividade da regasificadora na súa localización actual.
Esquerda Unida solidarízase co peche e pide a participación o domingo
A última hora da tarde, o grupo municipal de Esquerda Unida, que goberna o Concello xunto co PSdeG, enviou un comunicado onde expresa o apoio "ás accións de protesta en contra da localización da planta de regasificación de Reganosa no interior da ría de Ferrol". A formación apoia así o peche do Comité Cidadán de Emerxencia na Casa do Concello e subliña que a posición ten que ver "cos máis elementais criterios de racionalidade sobre a seguridade e o dereito á vida".
Esquerda Unida solicita ademais que "a Xunta e a empresa asuman o dobre ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a realización dun estudo de impacto ambiental sobre a instalación gasista". Critican tamén o incremento do tráfico de camións cisterna para o transporte de gas, advertindo do "novo elemento de perigo". De paso, convidan os veciños a participaren na manifestación convocada polo Comité para o domingo.