O acto de presentación forma parte dunha xornada sobre o proxecto Ainfogra, que se desenvolve esta sexta feira en Coristanco
Este venres preséntase a nova versión do programa de xestión integral de explotacións agrogandeiras Ainfovac, a 0.4.1. O software, de código aberto, darase a coñecer no marco da xornada "Ainfogra.com. Software Libre e Eido Rural, presente e futuro", que ten lugar no Centro de Promoción Rural de Fonteboa, en Coristanco, a partir das catro e media da tarde.
O proxecto Ainfogra está dirixido a achegar o Software Libre ao medio rural mediante a difusión, formación e o desenvolvemento de Software de Xestión Integral destinado especificamente ao agro, como principal prioridade. Poderase comprobar o traballo de desenvolvemento levado nos últimos meses sobre Ainfovac, que vai supoñer un avance cuantitativo e cualitativo sobre a anterior versión, que se presentou en novembro de 2007.