O proxecto Ainfogra pretende introducir as novas tecnoloxías e o software libre nas empresas agrogandeiras.
Lanzado AinfoVac 0.0.1
O proxecto Ainfogra (aula informática agraria) acaba de publicar a primeira versión de AinfoVac, unha aplicación de software libre para a xestión integral de explotacións leiteiras. Ainfogra ten como cometido, dende hai algo máis dun ano, dar a coñecer e promover o uso das novas tecnoloxías no rural e fornecer de ferramentas de código aberto para o sector agrogandeiro.
Como explicou un dos resposábeis do proxecto, Xosé Manuel Campos, o software está destinado a pequenas e medianas granxas leiteiras e deseñouse para que fose fácil de usar, “para que como moito con unha ou dúas horas á semana se poida administrar a explotación”. A ferramenta está en galego, polo que as súas destinatarias son as empresas do país, e corre baixo o sistema operativo GNU/Linux.
Ademais da ferramenta informática, o proxecto ten unha parte formativa, pois o uso das novas tecnoloxías aínda precisa de bastante promoción nas zonas rurais. Ainfogra imparte clases de alfabetización dixital, que inclúen dende o coñecemento do hardware -os trebellos informáticos-, os sistemas operativos -neste caso Ubuntu, unha das distribucións de Linux máis populares e máis doadas de aprender-, e a ofimática, mediante o paquete OpenOffice.org.
Para Campos, “aínda queda moito por andar”, pois aínda existe unha carencia de infraestruturas no rural que impiden o uso da internet en moitas explotacións, co obstáculo que iso supón para ter acceso a trámites administrativos ou ao comercio electrónico.