Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Proxecto de sensibilización

Imaxinas unha Galiza sen lingua?

Na súa nova campaña, a Mesa apela á necesidade de protexer os símbolos de identidade dos galegos, como o mar, o monte... ou a lingua.

Redacción - 14:00 14/05/2008

Aproveitando a semana das Letras, a Mesa pola Normalización Lingüística presentou o mércores a súa nova campaña, que baixo o título Imaxinas unha Galiza sen lingua?, busca sensibilizar á sociedade para que non desaparezan moitos dos símbolos que definen Galiza, como o monte, o mar, e como non, a lingua. Repartiranse arredor de 350.000 folletos polas diferentes cidades e vilas do país a través do correo co fin de conseguir asociados, pero tamén de facer reflexionar á cidadanía.

En representación dos veteranos da Mesa, Avelino Pousa Antelo aproveitou a ocasión para animar a seguir loitando pola lingua, porque "fai moita falla" e demostrou que, aos seus 94 anos acabados de cumprir, aínda lle quedan forzas. "Mentres haxa xente como Manolo Rivas, Carlos Callón ou coma min, polo menos non calaremos, seguiremos reclamando a nosa condición de país que ten unha lingua, unha historia e unha tradición propia".

Rivas considerou moi apropiada a visión ecoloxista escollida para esta campaña da Mesa e o vínculo estabelecido entre amor á terra, benestar social e cultural e a saúde da lingua. O escritor e poeta transmitiu a súa sensación de optimismo e rexeitou os dous discursos que poden danar a lingua: o apocalíptico, "se insistimos en que o galego está ao borde da extinción, podemos afundir a propia lingua" e o discurso de antipatía, o que está en contra do uso do galego, "utilizado durante a época da ditadura e transformado agora en termos como liberdade de ensino escollida polos pais, ou bilingüismo harmónico".

Fronte á antipatía, Rivas propón "desenvolver lexemas de simpatía" e cultivar tamén un "espazo de simpatía" para a lingua, fundamentado sobre todo no eixo do ensino e no dos medios de comunicación, ademais do das letras e a cultura.

Manifestación pola lingua
O presidente da Mesa, Carlos Callón, lembrou que todos os cidadáns están chamados a acudir á manifestación pola lingua, como resposta da sociedade ante as agresións exercidas contra ela, que se celebra o domingo en Compostela, incluídos os que habitualmente se expresan en castelán "xa que o noso idioma é un elemento de unión e a maior parte da sociedade desexa a súa promoción".

Anteriores:


4,83/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: