Esta plataforma nace coa intención de promover o noso idioma na internet e con isto dar un paso máis no proceso de normalización lingüística.
Nace unha nova iniciativa a prol do noso idioma. A Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego, que se reúne baixo a denominación de Blogues pola lingua (BpL) está impulsada por un grupo promotor formado por seis autores de blogues galegos e ten como intención promover a nosa lingua dende a rede, para, aproveitando as potencialidades da web 2.0, "mostrar o compromiso do blogomillo co noso idioma, nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan".
Os promotores da iniciativa buscan estender o uso do galego na rede para "convertelo na lingua vehicular dos galegos e galegas na Internet" xa que "conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos".
Dende a plataforma xa lanzaron o seu primeiro manifesto. En Na defensa do noso idioma, rexeitan todos os ataques ao galego, especialmente no caso de entidades "defensoras do bilingüismo", ás que definen como unha "manifestación do auto-odio".