Queda aberto o prazo de recepción de candidaturas para a terceira edición do concurso. A anterior gañouna Biocultivos, de Sacha na horta.
Sabemos que o estabades a agardar. Xa comeza a terceira edición de A polo ghit, o concurso que procura a canción galega do verán e que organizan Vieiros e a Radio Galega. Dende agora mesmo, as agrupacións e solistas que queiran aspirar ao ghit 2008 teñen abertas as caixas de correo reais e virtuais para enviármonos as súas achegas.
Nun par de semanas dará comezo a parte interactiva do concurso, cunha nova web e algunhas novidades, para que os internautas poidan comezar a escoitar, descargar, votar e opinar as cancións presentadas. Tamén soarán no programa Extrarradio, da Radio Galega, e ao longo da programación da emisora pública.
Como nas anteriores edicións, pódense enviar arquivos de audio das cancións ou ben vídeos, acompañados dos datos dos participantes, un breve texto descritivo, a letra da canción e fotografías da banda ou solista. Mais este ano haberá un pequeno cambio nas bases: queremos promover a creatividade dos artistas do país, polo que os temas concursantes terán que ser propios e non versións.
Debe enviarse cadansúa copia dos arquivos aos seguintes enderezos electrónicos:
apologhit@vieiros.com
extrarradio@crtvg.es
Para que non dispoña de conexión á internet, tamén ten a posibilidade de empregar o correo tradicional. Os enderezos para enviar as dúas copias dos temas en formato CD son:
Vieiros
Rúa do Pombal, 43, soto
15705 Santiago de Compostela
Radio Galega
San Marcos
15820 Santiago de Compostela
Moita sorte, artistas! A xeito de inspiración, lembramos as que quedaron de primeiras na edición de 2007:
1ª Sacha na horta: Biocultivos