Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
CONCURSO MUSICAL

A polo ghit: buscamos a nosa propia canción do verán

A Radio Galega e Vieiros veñen de lanzar A polo ghit!, un concurso de creación musical na rede para buscar, incentivar e proclamar a canción do verán galega. Nun ano no que se vén de demostrar que a circulación da música en internet pode auspiciar de maneira alternativa ás radiofórmulas unha canción do verán (véxanse os casos do Koala ou de Amo a Laura), é a oportunidade para que o idioma galego compita en igualdade de condicións co castelán en materia de popularidade musical e, por que non, frivolidade e diversión.

- 10:40 04/06/2006
Tags:

O concurso arrincou este sábado na sección Lerchandising do programa Extrarradio, que presentan Belén Regueira e Eduardo Herrero e que se emite nas mañás das fins de semana. Nel daranse as coñecer as primeiras cancións candidatas a ser canción do verán, entre as que están as de grupos como Projecto Mourente, Markinhos Drinkin, Banda Potemkin, The Homens, Rumborrachera ou Trasnsilvanians.

A polo ghit! é unha convocatoria aberta a todo aquel que queira enviar a gravación dunha potencial canción do verán de calquera xénero. Poden participar dende os grupos consagrados até artistas amateur. Abonda con enviar unha gravación da peza, aínda que tamén teñen cabida os vídeos musicais.

E precisamente a gravación dun vídeoclip profesional será o premio deste concurso, co compromiso de produción da Televisión de Galicia, que tamén ofrece a posibilidade de que os gañadores actúen en Luar ou outros programas da cadea.

Até o 31 de agosto pódense enviar cancións. O 9 de setembro darase a coñecer a canción gañadora, que será elixida por un xurado composto por distintas persoas do mundo da música e da comunicación. De xeito paralelo o público poderá escoitar, descargar e puntuar as cancións durante todo o verán nesta web, na que tamén se poden consultar as bases e o xeito de participar.


0/5 (0 votos)