Esta cuarta feira modificouse o borrador do decreto que mantén a carga horaria desta materia.
A Consellaría de Educación informou desta modificación de última hora á Confederación Galega de ANPAs e Centros Públicos (CONFAPA) e á Xunta Autonómica de Directores, durante unha xuntanza que mantiveron esta cuarta feira de mañá.
Após a reunión, Educación mandou un comunicado no que anuncia que vai aumentar nunha hora a carga horaria da materia de Educación Física, de tal xeito que pasa de unha a dúas horas á semana.
Unha hora máis para Educación Física, porque é no que máis "coincide a comunidade educativa"
O primeiro borrador do decreto que prepara o Goberno prevía, nun comezo, que esta materia ocupase só unha hora no primeiro curso (xusto o que estabelecen os requisitos mínimos marcados polo Ministerio de Educación e Ciencia), mais despois de "analizar na última semana as distintas opinións que espertou o borrador do decreto entre a comunidade educativa" (entre elas as mobilizacións e a folga, organizada polos sindicato CIG-Ensino e á que se sumou o STEG), decidiuse roubarlle unha hora á nova materia Ciencias para o Mundo Contemporáneo, e manter a ámbalas dúas materias coas súas dúas horas.
Filosofía e Historia quedan como estaban
En relación ás demandas de incrementar unha hora máis as materias de Filosofía e Cidadanía e Historia de España a costa de levar fóra do horario lectivo a materia de Relixión, a Consellaría subliña que esta posibilidade "non é viábel", debido ao acordo que ten o Ministerio de Educación coa Santa Sé (no que se salienta que esta materia debe ter unha "consideración fundamental").
Educación tamén adianta, no seu comunicado, que o proxecto do decreto, xa modificado, vai ser remitido "proximamente" ao Consello Consultivo de Galiza.