O sindicato CIG-Ensino pide que Relixión se imparta fóra das horas lectivas e que Historia, Filosofía e Educación Física manteñan o número de clases que agora teñen.
CIG-Ensino emitiu hoxe un comunicado dirixido á Consellaría de Educación na que avisan de que, se non se reabren as negociacións sobre o currículo de Bacharelato, os profesores van ir á folga o día 29 de abril. Ademais, o sindicato convocou concentracións o 23 deste mes ante a sede da Consellaría de Educación, e ante o Consello Escolar, o día que se celebre o pleno (probabelmente o 28 de abril).
Estas medidas van ser debatidas en dez asembleas en toda Galiza esta quinta feira 17 de abril, e nelas vaise traballar por que se devolva á mesa sectorial a negociación do anteproxecto do Decreto de Bacharelato, que ten como puntos máis conflitivos, a redución das horas lectivas de Historia e Educación Física, así como de Filosofía, á que ademais se lle engade máis carga lectiva, incluíndo no temario Cidadanía.
Para que a Relixión non se imparta en horas lectivas
O voceiro nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou que fronte a esta redución dalgunhas materias hai outras, coma Relixión, que permanecen no currículo con dúas horas lectivas, e esixiu que esta última materia se imparta "fóra do horario escolar". Louzao tamén lembrou que a CIG ten presentado un total de 71 emendas ao decreto entre as que se encontran, ademais das xa mencionadas, que todos os centros oferten obrigatoriamente dúas modalidades de Bacharelato, de tal xeito que os que só oferten os antigos bacharelatos de Ciencias e Tecnoloxía amplíen as aulas ao de Humanidades ou Artes.
O sindicato demanda tamén que, alén das materias que se imparten, por norma, en galego, segundo o anteproxecto, tamén se dean na nosa lingua as optativas e unha materia máis das propias de cada modalidade.
O BNG tamén avisa: a redución de áreas ha dificultar o obtención dun "currículo equilibrado"
Os nacionalistas tamén anunciaron que, ao ver do seu grupo, a redución de áreas prevista no proxecto do novo decreto de Bacharelato, que prepara Educación, podería supor una "dificultade" no obxectivo de acadar un currículo educativo "equilibrado".
Así o expresou o voceiro do BNG no Parlamento, Manuel Parga, que avogou por manter "unha sensibilidade aberta ao diálogo en todo momento" para chegar a un resultado "favorábel á formación do alumnado". Neste sentido, animou á Consellaría a negociar este texto para que se adapte "á realidade galega". Parga tamén pediu un pouco máis de marxe para que o Goberno poida mudar os currículos, sen "o corsé" que supón a LOE española.