Ninguén na Coruña, nin en Galiza, esqueceu aquel penalti que o 14 de maio de 1994 erraba Djukic ante o Valencia.
O dianteiro tomou aire, soprou e, apenas un segundo despois, estaba no chan, tremendo: non marcou, mais si deixou marcado para a historia un dos momentos máis tristes do deportivismo. A faciana de González, o porteiro do Valencia naquela altura, contrastaba coa do dianteiro serbio. A dos xogadores do Barça dicíao todo: acababan de gañar a liga.
Aquel penalti inesquecíbel
Apenas un ano despois chegaba o primeiro desquite deportivista na final da Copa do Rei, após un empate e dous minutos de espera. Naquela altura a Copa foi para A Coruña, pero a rivalidade entre ámbolos dous clubes mantívose polos séculos dos séculos. Agora pode chegar a vinganza.
O partidoEsta sexta feira ás 20:30 horas xogan en Alcoi Dépor e Valencia. Son case os mesmos protagonistas de hai catorce anos e agora vólvense medir no encontro do que ha saír o primeiro equipo gañador da primeira
liga estatal Indoor, a dos veteranos.
Os de Arsenio saben xogar ben na moqueta. Velaí a súa bagaxe: 7 vitorias e un empate. Se gañan, como veñen facendo ultimamente (moitas veces por goleada), sería un peche de liga excepcional para os branquiazuis.
As posibilidadesMais o Valencia é óso duro de roer e tamén ten posibilidades, aínda que terían que agardar até a última xornada do campionato para saber se gañan a liga. De gañar, quedarían a un punto do topo da táboa, e terían que procurar a vitoria ante o Barça no último partido ligueiro. De acontecer o contrario, o Dépor podería celebrar o campionato sen ter que xogar sequera... se lle deixa o Real Madrid, que aínda opta a conseguir o título.
O terceiro caso sería o empate. Se quedan en táboas Valencia e Dépor, entraría na loita polo título un terceiro protagonista: outra vez o Real Madrid (que gañaría de vencer na última xornada ao Atlético e superar en goles ao Dépor).
A rivalidade está servida.