Gañaron o seu primeiro partido da Liga Indoor contra o Athletic, e o seguinte será a vindeira sexta feira.
Despois de gañar por primeira vez hai dúas semanas contra o Athletic Club de Bilbao, os veteranos do Depor xogan, por primeira vez, na casa, contra o Fútbol Club Barcelona. O partido será a vindeira sexta feira no Pazo dos Deportes de Riazor, ás 20:00 horas.
Alí estarán, con toda a súa gloria, míticos do Deportivo, coma Fran, José Ramón, Donato, Songo'o ou Naybet, que vai viaxar até A Coruña só por xogar co seu equipo. Os que non van poder estar son Bebeto, Djalminha e Mauro Silva.
Dirixidos por Arsenio Iglesias, os xogadores agardan ter todo o apoio da súa afección branquiazul, porque poucas veces se pode ver tanto lendarios deportivistas xuntos.
A Liga de Fútbol Indoor
É auténtica, como a de primeira, cos seus pichichis, os duelos entre equipos, as loitas nas bancadas, a berros... pero cos futbolistas profesionais xa retirados, e máis vellos. É a Liga de Fútbol Indoor.
Aínda así, segue a ser moi seguida pola afección, que agarda ver a vellas e non tan vellas glorias do fútbol estatal outra vez sobre o terreo de xogo.