O crack carioca regresa para ameazar a hexemonía branca da Liga Indoor. Xogarán contra o Real Madrid a vindeira sexta feira 7 de marzo.
No momento de se retirar do fútbol profesional
A Liga estatal de Fútbol Indoor está chea das grandes estrelas do fútbol de finais dos 90 e comezos da década na que estamos: Buyo, Alfonso, Martín Vázquez, Luís Enrique, Sergi, Milinko Pantic, Juán Sánchez... e aí xusto no final da listaxe podemos introducir o nome dun crack do fútbol mundial: Djalma Feitosa Dias, Djalminha.
Aos seus 37 anos o futbolista brasileiro chega a esta competición de veteranos como reforzo de luxo para un Súperdepor que vai largado. O carioca chega esta semana para enfrontarse ao Real Madrid en Torrejón de Ardoz, e como promete, anda con moitas ganas de xogar e de "facer caneos nunca vistos".
A ameaza á hexemonía branca
O partido promete, porque o Real Madrid ve como os coruñeses ameazan con forza o seu liderato, tras vencer ao Athletic de Bilbao e ao Barça, rivais con nivel de abondo.
Djalminha unirase a Fran, Donato, José Ramón, Songo'o, Naybet, Elduayen ou Radchenko, futbolistas que atravesan un bo estado de forma. Tamén Djalma está ben fisicamente, posto que xoga partidos amistosos coa selección brasileira de Fútbol Indoor (Showball no Brasil), e mesmo o mes pasado xogou no torneo internacional contra Arxentina (selección capitaneada por Maradona) e Chile (encabezada por Iván Zamorano).