Os nacionalistas rexistran no Congreso unha reforma da Lei electoral menos restritiva que a presentada en Galiza para buscar "o maior consenso".
O BNG rexistrou no Congreso dos Deputados de Madrid unha proposición de lei para a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Central co obxectivo de que os emigrantes voten en urna.
A novidade reside en que desta volta abren a posibilidade a que a diáspora participe nas eleccións locais sempre que demostren que residiron no concello onde votan, durante algún período nos dez anos anteriores á convocatoria electoral.
O texto presentado no parlamento español é practicamente igual ao que os nacionalistas levaron esta pasada semana ao relatorio constituído no galego. A proposta realizada nesta última cámara é máis restritiva, xa que limita o dereito a voto ás persoas con nacionalidade española que residan no Estado.
Voto inmigrante nas municipais
Outra das diferenzas é que no texto exposto en Galiza, estabelécese a posibilidade de que os inmigrantes foráneos voten nas municipais, algo ao que non se fai referencia no presentado no Estado.
As diferenzas están provocadas porque, segundo explicaron fontes nacionalistas, a proposición de lei ante o parlamento español busca concitar, sen negociacións previas, o máximo consenso posíbel para á súa toma en consideración, namentres que no galego existe a posibilidade de pactar coas outras forzas.