Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asomo de consenso no Parlamento

PPdeG, PSdeG e BNG pedirán no Congreso que en 2009 os emigrantes voten en urna

Os tres grupos comprométense a enviar a Madrid unha proposición de lei conxunta instando a garantir voto en urna e depurar o censo de residentes ausentes.

Redacción - 20:10 15/04/2008

A menos dun ano da probábel data das próximas eleccións galegas e despois de dúas citas recentes coas urnas, municipais e xerais, onde o voto dos emigrantes volveu ofrecer polémicas por presuntas irregularidades, xorde unha nova oportunidade de resolver a cuestión. Así o escenificaron os voceiros parlamentarios de PPdeG, PSdeG e BNG nunha inédita comparencencia conxunta este martes no Parlamento.

Despois de meses coas propostas nos caixóns mentres seguían de tirapuxa a través dos medios, as tres formacións políticas con representación parlamentaria definiron en apenas media hora de xuntanza os puntos mínimos sobre os que están de acordo.

O espazo de encontro: a demanda da depuración dun censo do que se recoñece que está cheo de irregularidades, e o estabelecemento do voto en urna en igualdade de condicións cos residentes en Galiza. Sobre estas cuestións BNG e PPdeG xa achegaron propostas concretas e o PsdeG anunciou que achegará o seu documento para a semana que vén. Froito dese consenso sairá unha proposición de lei que, despois de ser aprobada no Parlamento, chegará coa unanimidade dos tres grupos ao Congreso.

Obxectivo: voto limpo en 2009
Na procura de que as eleccións de 2009 en Galiza estean exentas de suspicacias e irregularidades como as acontecidas hai tres anos, ese acordo de mínimos insta ao goberno español a acelerar as reformas necesarias antes da cita coas urnas do ano que vén.

Así, quedan fóra cuestións sobre as que as tres formacións aínda non están de acordo, fundamentalmente, a posíbel restrición de voto aos emigrantes nalgún dos comicios. Ao respecto, o PPdeG estaría a favor de que os emigrantes poidan seguir votando independentemente da cita electoral. No outro lado, o BNG propón restrinxila ás eleccións xerais e europeas e ademais, suxiren que só se voten os que naceran en Galiza ou residisen aquí cando menos durante dous anos. Mentres, o PSdeG estaría disposto a aceptar que os emigrantes non votasen nas municipais, pero si o fixesen no resto.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: