Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Fútbol Galego

Celta e Dépor tiran polo chan os plans da Copa Galiza

Os vigueses non queren xogar en Lugo (parécelles moi lonxe) e os coruñeses rexeitan a vindeira cuarta feira como data do derbi.

Redacción - 12:05 24/04/2008
Imaxe do mítico derbi

Imaxe do mítico derbi

Esta cuarta feira Vieiros informaba de que a final da Copa Galiza se ía xogar día 30 de abril no estadio Anxo Carro de Lugo (onde se xogou, en xaneiro do ano pasado, aínda que naquela altura se chamaba Copa Xunta); mais agora nin a data nin o lugar están claros.

O derbi vai ter que agardar a que os dous clubes se poñan de acordo coa Federación Galega de Fútbol (FGF), organizadora do evento. O Celta non acepta o lugar marcado para o encontro, aínda que si a data; pola contra o Dépor non quere a data escollida e prefire mudala, máis unha vez.

A Federación comezou un novo proceso de consultas cos clubes, o que vai atrasar a arelada final (sobre todo polas contas correntes dos clubes, que se embolsan 28 mil euros no caso de gañar, sumados aos 12 mil que xa teñen nas sacas por pasar de cuartos e por chegar á final).

A liorta polo estadio no que xogar
O Celta quería que se xogase en Ourense, que lles queda máis preto do que Lugo, ou senón en Pontevedra. Para o Deportivo Ourense queda moi lonxe, e Pontevedra parécelles pouco neutral, ademais de estar máis preto de Vigo que da súa cidade. Ferrol tampouco vale, xusto polo contrario. Compostela, que lles queda máis ou menos no medio, non lles gusta a ningún dos dous equipos, e tampouco á Federación, porque carece dos servizos básicos de persoal para acoller a final.

Para a FGF Lugo era o mellor sitio, porque están garantidos os compromisos de varias entidades para asumir os gastos de organización.

A liorta pola data na que xogar
O Dépor chegou a dicir que "de ningún xeito" había aceptar o 30 de abril, aínda que aceptase Lugo (o seu escenario favorito). Houbo un cambio de opinión importante, porque nun comezo ámbolos dous equipos se negaron a xogar en maio, posto que están metidos de cheo na recta final das súas respectivas ligas, mais nun escrito emitido á FGF, os coruñeses solicitaban o aprazamento da final até o 20 ou o 21 de maio, alegando as numerosas lesións que sufre o seu cadro de xogadores. No mesmo escrito tamén preguntaba se o encontro vai ser retransmitido pola Galega.

A Federación vai agardar a que haxa, sequera, un pequeno consenso, e logo, se non se poñen de acordo os equipos, tal vez decidan pola súa conta.


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: