Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Secuestro do 'Playa de Bakio'

A ONU condena a pirataría, ao tempo que alerta do perigo de fame negra en Somalia

O goberno español intensifica as negociacións diplomáticas cos países influentes no país para lograr a liberación dos mariñeiros.

Redacción - 11:55 23/04/2008
Máis dun cento de combatentes morreron en Somalia dende a fin de semana

Máis dun cento de combatentes morreron en Somalia dende a fin de semana

A Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA, nas súas en inglés) advertiu este martes de que a violencia e a seca que arrasan Somalia poderían causar unha fame negra semellante á rexistrada hai 17 anos no país africano.

"Mesmo os camelos están a morrer por falta de auga", sinalou a voceira en Xenebra da OCHA, Elizabeth Byrs, para subliñar a situación de gravidade polo pésimo inicio da estación de chuvias, que se vén a sumar ao reaxir dos enfrontamentos entre exército e guerrilleiros islamistas.

Actualmente 2,5 millóns de somalís requiren asistencia alimentaria urxente debido á combinación da violencia, os altos prezos dos alimentos e a recente depreciación da súa moeda.

Persecución de barcos piratas en augas somalís

Por outra banda, o Consello de Seguridade da ONU, a iniciativa de Francia e Estados Unidos e co apoio do Reino Unido, está a elaborar unha resolución que autorice a persecución de embarcacións piratas que operan fronte á costa de Somalia até o interior das augas territoriais do país africano.

Vía diplomática para a liberación dos secuestrados

Precisamente, o goberno español intensificou os contactos con Francia e Estados Unidos, países con influencia na zona onde permanece secuestrado o atuneiro Playa de Bakio, para conseguir a liberación dos seus 26 tripulantes, entre os que hai oito galegos.

Mediante un comunicado, o executivo asegurou que estes contactos se están a desenvolver "con responsabilidade, sensatez e discreción", e sinalou que paralelamente se segue efectuando o seguimento do pesqueiro "de xeito permanente".

Seguimento militar
Neste senso, fontes militares galas informaron que o Estado francés está prestando axuda ao español con intercambio de información e apoio loxístico.

Tamén, este martes, as autoridades da rexión autónoma de Puntland aseguraron que o exército somalí estaba preparado para intervir, aínda que o ministro español de Exteriores dixo que apostan pola negociación para pórlle fin ao secuestro.

Ademais, está previsto que o buque de guerra enviado pola Armada española arribe á zona na noite desta cuarta feira.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: