O goberno español envía o embaixador en Quenia para tratar de resolver o conflito.
As autoridades de Puntlandia (rexión autónoma do norte de Somalia) afirmaron este martes que no caso do secuestro do atuneiro vasco 'Playa de Bakio', o Exército somalí podería levar a cabo a mesma estratexia que seguiu cun barco con bandeira de Dubai que foi secuestrado este mesmo martes, liberado tras o asalto dos militares.
Segundo axencias internacionais, o ministro de seguridade de Puntland, Abdullahi Said Samatar, dixo que as autoridades xa encargaron a varios soldados a liberación do navío, que permanece fondeado perto do porto de Garad.
Negociacións diplomáticas
Por outra banda, e namentres a fragata enviada pola Armada non chegue esta cuarta feira á zona do secuestro, o goberno español decidiu enviar o seu embaixador en Quenia, Nicolás Martín Cinto, a Somalia.
Martín Cinto desprazarase "o máis axiña posible" a Mogadiscio para tratar de acelerar a solución do secuestro informou o Ministerio da Presidencia tras unha nova reunión da comisión coordinadora creada polo Executivo para seguir o caso.
Neste senso, a OTAN -por iniciativa do Estado Español- fixo pública unha declaración de condena da piratería, ao igual que fixo este martes a UE.