O goberno español crea unha 'célula' de seguimento, presidida polo xefe de Estado Maior da Defensa. Unha fragata viaxa cara a zona "con carácter disuasorio". Case 200 mariñeiros galegos traballan fronte ás costas dun país onde goberna a violencia.
A Unión Europea condenou este luns o secuestro do barco atuneiro vasco 'Playa de Bakio' por piratas somalís, en augas internacionais, fronte ás costas deste país africano, onde viaxa unha tripulación composta por oito galegos -de Baiona, Marín e O Morrazo-, cinco vascos e trece cidadáns de orixe africana.
A presidencia eslovena de quenda, en nome dos Vintesete membros, subliñou a súa "profunda preocupación" pola natureza violenta destes actos que se sucederon de "forma repetida nos últimos meses".
Loitar contra este tipo de actividades piratas require "importantes esforzos internacionais" para atopar "unha solución axeitada" que lles poña fin, e que "deben realizarse en estreita cooperación con outros actores internacionais, particularmente no marco da ONU", salientou.
O Estado Maior da Defensa xestiona a crise
Por outra banda, o goberno español, tras unha xuntanza dos ministros de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos; Defensa, Carme Chacón; Medio Mariño, Elena Espinosa; así como a vicepresidenta, María Teresa Fernández de la Vega, acordou a creación dunha célula de seguimento, presidida polo xefe de Estado Maior da Defensa, Félix Sanz Roldán. Á reunión tamén acudiu a conselleira de Pesca, Carme Gallego, informaron fontes da Xunta.
A primeira medida adoptada foi o envío dunha fragata da Armada "con carácter disuasorio" á zona do secuestro. Ademais, fontes gobernamentais negaron que haxa feridos, tal e como informaran varios medios españois citando ao director do Programa de Asistencia a Navíos do Leste de África, con sede na cidade kenyana de Mombassa.
A violencia goberna Somalia
Somalia é un país onde o Estado non é quen de gobernar. Milicianos islámicos e tropas somalís e etíopes enfróntanse diariamente. Esta fin de semana decenas de combatentes morreron na capital, Mogadiscio (polo menos oitenta, ademais dun cento de feridos, segundo algunhas informacións).
Calcúlase que desde xaneiro de 2007 máis de 6.500 persoas entre civís e militares perderon a vida e máis dun millón de persoas foron desprazadas.
Entre 150 e 200 mariñeiros galegos na zona
Segundo algúns cálculos, na zona faenan arredor de 20 atuneiros baixo bandeira española e máis dunha ducia doutros estados europeos, onde os mariñeiros do noso país son maioría. En total podería haber entre 150 e 200 galegos traballando fronte ás costas de Somalia.