O executivo vasco propón unha representación conxunta con presenza galega para negociar a liberación do buque.
Visualizar o mapa ampliado
Era "previsíbel" que un suceso deste tipo se fose a producir, laiábase na mañá deste luns o responsábel de Pesca do goberno vasco, Gonzalo Sáenz de Samaniego, quen recordou que xa en 2005 o buque Playa de Aritzatxu sufrira un intento de secuestro, aínda que finalmente conseguira fuxir sen ser alcanzado polos piratas da zona que trataran de deter o barco. O conselleiro vasco de Pesca tamén criticou que o goberno español non atendese antes as demandas para que a Armada vixiase a zona.
Sáenz de Samaniego lembrou ademais que en 2006, o executivo vasco xa lle trasladara ao goberno español unha solicitude oficial para que se despregase apoio de buques militares na zona. Sinalou que o Congreso xa se pronunciou nalgunha ocasión en favor de iniciativas deste tipo e queixouse de que "non foi cumprida" a recomendación. "Houbo suficientes iniciativas á hora de poñer medios para resolver esta situación", sinalou, para a continuación destacar que a prioridade é "solucionar o problema" actual, aínda que "logo todo terá a súa repercusión e a esixencia de responsabilidades".
Desde Euskadi propoñen agora que o goberno español forme unha delegación na que se integren tamén representantes dos executivos galego e vasco, e que resolva a posíbel negociación cos captores da tripulación do Playa de Bakio.