Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
BANDA LARGA

A Comisión Europea constata a fenda dixital entre as cidades e as aldeas

O executivo europeo avoga por empregar axudas públicas para levar as novas tecnoloxías ás zonas non rendíbeis para as empresas privadas.

Redacción - 14:00 21/04/2008
Viviane Reding, comisaria da Sociedade da Información

Viviane Reding, comisaria da Sociedade da Información

Un informe da Comisión Europea amosa que segue a existir a fenda dixital entre as zonas rurais e as urbanas. Aínda que os datos din que máis da metade da poboación da Unión fai un uso regular da internet e o 80% dispón dunha conexión de banda larga, algúns estados amosan grandes desigualdades no acceso á rede.

O traballo tamén salienta que o 60% dos servizos públicos da UE están dispoñíbeis en liña e que dous terzos das escolas e a metade dos médicos fan uso de conexións de alta velocidade. A comisaria europea da Sociedade da Información, Viviane Reding, amosou a súa satisfacción pola promoción das tecnoloxías da información, o "principal impulsor do crecemento europeo", nos 27 estados membros. Porén, amosouse preocupada polas zonas do territorio que quedaron atrás e que non están conectadas.

Así, case un 40% dos cidadáns europeos non usan nunca a internet, dende o 13% da poboación de Dinamarca ao 69 de Romanía. Pero os estados onde hai máis desigualdades entre as cidades e as aldeas son, segundo o estudo, Grecia, Eslovaquia, Letonia, Italia, Polonia, Lituania e Alemaña. Neste último país, a banda larga ten un 94% de cobertura, que se reduce ao 58% no rural. En Grecia, cunha xeografía inzada de illas, só o 20% do territorio ten alta velocidade, e o 10% nas áreas rurais.

En todo caso, segundo a Comisión Europea, a fenda entre o urbano e o rural dáse polas dificultades e o custo de levarlles as novas tecnoloxías a zonas máis accidentadas e con hábitat disperso, que fan que non resulte rendíbel para as compañías fornecedoras de acceso á internet.

Segundo UNI Telecom, a federación internacional de traballadores de telecomunicacións, aí é onde se amosa o principal fallo da liberalización do mercado das telecomunicacións, pois ás empresas privadas só lles interesa ofrecer servizo ás áreas ricas e poboadas. No pasado, afirma, o servizo público seguía o modelo do "selo de correos", polo que as zonas urbanas rendíbeis cubrían o gasto de levarlles o servizo ás zonas rurais.

Para a Unión Europea, a solución está en permitirlles aos gobernos conceder axudas públicas ou convenios para levar a banda larga e outras novas tecnoloxías ás áreas illadas, permitindo dese xeito ofrecer un servizo universal.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: