Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FINANCIACIÓN DA TELEVISIÓN PÚBLICA

A Comisión Europea oponse ao 'canon dixital' de Sarkozy

Porén, a comisaria Viviane Reding non está en contra de que se lles cobre ás canles privadas para financiar France Télévision.

Redacción - 13:45 04/04/2008

A comisaria europea responsábel da Sociedade da Información, a luxemburguesa Viviane Reding, amosouse en contra do proxecto do presidente francés, Nicolas Sarkozy, de instaurar un novo imposto para financiar a televisión pública. O xefe de estado de Francia pretende suprimir a publicidade en France Télévision e, a cambio, impoñer un canon no acceso á internet.

Porén, Reding afirmou que non tiña nada que obxectar a outra das posibilidades baralladas por Sarkozy para compensar a perda de ingresos publicitarios: cobrarlles unha taxa aos anuncios emitidos nas televisións privadas para financiar a televisión pública.

O presidente francés anunciou en xaneiro que en 2009 quedará suprimida a publicidade das canles públicas. Para compensar a perda dos ingresos publicitarios, pensou en varias solucións, como o imposto aos anuncios nas canles privadas ou unha taxa "infinitesimal" sobre a facturación das empresas que traballan en novos medios de comunicación, como a internet ou a telefonía móbil. Finalmente, decidiu gravar o acceso á rede.

Para a comisaria, a taxa proposta por Sarkozy vai contra a lóxica e pode impedir o desenvolvemento da internet: "Non se pode traballar para resolver o problema da banda larga en Francia e asemade engadir un imposto suplementario", explicou a comisaria. Reding lembrou que en Francia o 23 por cento da poboación ten acceso á banda larga no seu fogar, lixeiramente por riba da media europea, fronte a países como Suecia, onde se acada o 31%. Porén, recoñeceu que se trata dun proxecto a nivel estatal e queda fóra das competencias da Comisión Europea.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: