Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ACEPTADO NO REXISTRO DE ESTÁNDARES

A Comisión Europea aproba o DVB-H como formato para a televisión móbil

A transmisión de contidos audiovisuais de balde para os teléfonos está máis preto.

Redacción - 13:00 18/03/2008

A Comisión Europea xa decidiu cal será o sistema que se vai empregar na UE para a transmisión de vídeo dixital aos teléfonos e outros dispositivos móbiles. O formato DVB-H xa está inscrito no rexistro de estándares da Unión Europea. En canto se publique no Diario Oficial, os estados membros terán que promover o seu uso.

O DVB-H está desenvolvido por un consorcio que lidera a compañía finlandesa Nokia, e compite con outros sistemas, como o coreano DMB ou o estadounidense creado por Qualcomm. A comisaria europea de Sociedade da Información, Viviane Reding, explicou que "para que a televisión móbil despegue en Europa é necesario que haxa certezas tecnolóxicas", en relación á aprobación do estándar, que non impide o uso dos sistemas rivais.

Este sistema é análogo á TDT, pero adaptado ás pantallas máis pequenas dos trebellos móbiles, polo que permite ver televisión de balde ou, tamén, de pago. É diferente da xa implantada televisión a través de internet que comercializan os operadores móbiles e que obriga a pagar, como mínimo, pola transmisión de datos.

A decisión de Bruxelas produciuse despois dunha rolda de consultas cos gobernos estatais e co Parlamento Europeo. Segundo a Comisión, a estandarización beneficiará os consumidores ao asegurarlles o acceso á televisión móbil en toda a Unión mediante a tecnoloxía DVB-H. O sistema xa está a ser ensaiado en 16 dos 27 estados membros, entre eles o español, onde se prevé que este ano xa estean dispoñíbeis aplicacións comerciais.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: