No ataque foron feridas outras catro persoas, entre elas, dous menores de idade. Once días despois, aínda non comezaron as investigacións para esclarecer o acontecido.
As dúas mozas asasinadas, Felícitas Martínez e Teresa Bautista, de 22 e 24 anos respectivamente, traballaban na Radio Comunitaria "La voz que rompe el silencio", do Municipio Autónomo de San Juan Copala, en Oaxaca (México). Segundo informacións publicadas na rede social Indymedia, o pasado 7 de abril volvían da comunidade de Llano Juárez, na zona Triqui, até San Juan de Copala, cando foron emboscadas e asasinadas. No ataque foron feridas outras catro persoas, entre elas dous menores de idade.
As dúas raparigas facían de todo na emisora. Eran locutoras e reporteiras, e tamén viaxaban polas comunidades indíxenas para informar á xente das posibilidades da estación de radio na que colaboraban. Nisto andaban cando o vehículo no que viaxaban, conducido polo seu compañeiro Faustino Vázquez, foi detido por un grupo armado. O condutor acelerou, para evitar, segundo o seu testemuño recollido polo xornal dixital Diario de Yucatán, que secuestrasen ás mozas.
Neste xornal tamén se pode ler unha exhaustiva descrición da situación da comunidade indíxena de Trique, na que se salienta que o dobre crime foi cometido co fin de intimidar e calar o proxecto radiofónico no que participaban as raparigas, e fai parte do clima de violencia que, por décadas, ten dezmado aos habitantes desta comunidade étnica que só "busca o respecto á súa identidade".
O Municipio de San Juan de Copala e o pobo trique
San Juan de Copala era un municipio independente até 1948 e, por motivos políticos alleos ao pobo, as comunidades quedaron divididas en varios municipios: Santiago Juxtlahuaca (do que fixo parte San Juan Copala), Putla de Guerrero e Constancia del Rosario.
Daquela os habitantes crearon, para facer valer os seus dereitos como comunidade, o Movemento de Unificación e Loita Trique, que finalmente se converteu no Movemento de Unificación e Loita Trique Independente (Multi), que se adheriu á Asemblea Popular dos Pobos de Oaxaca. No ano 2006 xa houbera unha primeira emboscada na que asasinaron a tres dos seus membros, pero o movemento seguiu, e en 2007 o Multi constituíu o Municipio Autónomo de San Juan de Copala.
Tratábase dunha reivindicación histórica: recuperar a condición que tivera a comunidade durante 60 anos. Para que esta idea medrase tamén entre a poboación trique doutros municipios creouse "La voz que rompe el silencio", con persoal moi novo.
Segundo este xornal, as balas atopadas a carón dos cadáveres son de uso reservado ao exército mexicano, mais, polo de agora, 11 días despois do acontecido (e a pesares de condenar o asasinato mesmo o director xeral da UNESCO, Koichiro Matsuura, dende París), non comezaron as investigacións para atopar os culpábeis. Porén, a pasada cuarta feira chegou ao municipio un enviado da Comisión Nacional de Dereitos Humanos de México.