Os medios de Euskadi valoraron moi positivamente o arranque do equipo ciclista profesional galego nunha das máis importantes roldas do Estado.
Herrero cando gañou a etapa
"En moitos sitios hai afección, pero no País Vasco hai sentimento", dicía esta quinta feira o italiano Rodolfo Biancalani, presidente del Xurado Técnico desta edición da Volta a Euskadi. E está no certo, porque o pobo vasco ten unha especial paixón polo ciclismo. Se cadra por isto é máis do que relevante que os medios vascos gaben o traballo feito polos corredores do KGZ dende o comezo da rolda.
Para o xornal Diario Vasco, que ademais leva o día a día da rolda, Herrero sacou chispas no sprint da terceira etapa (a que gañou), demostrando que o seu equipo está á altura dos Pro Tour, a pesares de non competir na mesma categoría.
Karpin asegura a continuidade, polo menos, até a tempada que vén
Tamén no Diario Vasco publicaban esta quinta feira un artigo sobre o traballo feito por David Herrero, lembrando os seus comezos e asegurando que a súa vitoria desta cuarta feira halle dar azos a un equipo que non ten asegurada a súa continuidade neste deporte.
A respecto disto, tamén publican unha entrevista co promotor do equipo, Valery Karpin, no que asegura estar "moi satisfeito. Herrero estivo brillante nos últimos metros. Estaba claro que este ano tiñamos que mellorar". No texto tamén se recollen as queixas do ex celtista, que di que no País Vasco a prensa dedícalle máis páxinas que en Galiza: " E iso que fomos segundos o primeiro día e en Erandio Herrero foi terceiro. Non me cabe na cabeza. O que está claro é que a afección ao ciclismo en Galiza non ten nada que ver coa de Euskadi".
Cando lle preguntan até cando vai apoiar un deporte tan estragado como o ciclismo (referíndose ao tema da dopaxe), o empresario ruso di non sabelo con certeza, "tal como está todo", e di que hai que ver "como terminamos a tempada, pero en principio vou estar esta tempada e o ano que vén tamén", declarou, escudándose en que, de marchar sería porque "a situación económica non é a mesma que hai algúns anos".
Álvaro Pino: "É unha vitoria conseguida na mellor das prazas posíbeis"
Pino amosou a súa alegría pola vitoria conseguida por Herrero esta cuarta feira e salientou que chegou "na mellor das prazas posíbeis" e "por diante dos mellores artistas". Parece que as penas polas vitorias fuxidas nas anteriores etapas esvaecéronse ao ver entrar a David Herrero de primeiro na meta en Viana.
Pino, ademais, gabou ao seu corredor por saber esperar, mais tamén ao resto do equipo: "todos está funcionando moi ben, cada un no seu sitio. Ezequiel, segundo na xeral, David García e Vorganov atentos a calquera circunstancia de carreira; Mayoz pendente das metas voantes...".
Na cuarta etapa...
O corredor luxemburgués Kim Kirchen (High Road) gañou a cuarta etapa da 48 Vuelta a Euskadi.
Tras esta xornada, Alberto Contador (Astana) continúa de líder, con 3 segundos de vantaxe con respecto ao galego do Karpin Galicia, Ezequiel Mosquera; e 8 sobre un grupo con varios nomes importantes, entre o que está Herrero. Mentres, Iban Mayoz segue líder das metas voantes.