A pesares de ser os primeiros fabricantes de Europa e das críticas recibidas pola industria, o executivo de Zapatero pretende desfacerse destes sacos da compra dun só uso.
Dous anos para terminar coas bolsas de plástico de un só uso, este é un dos obxectivos proposto polo partido socialista no seu programa electoral, que o executivo español podería poñer en práctica en canto comece a nova lexislatura.
Terminar coas bolsas de plástico non biodegradábeis en 2010 era un dos puntos do borrador do chamado Plan Nacional Integrado de Residuos 2008-2015 elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente, que non foi aprobado na anterior lexislatura, segundo o goberno español, "por falta de tempo".
Contra as bolsas non biodegradábeis
Terminar coas bolsas de plástico dun só uso é obxectivo de varios países por todo o mundo (coma a China ou Australia), mais non é unha meta fácil de acadar, posto que hoxe en día non existe un substituto real do plástico. As propostas: bolsas meirandes reutilizábeis ou bolsas biodegradábeis, estas últimas ben máis caras e difíciles de fabricar.
O Estado Español é o primeiro produtor de bolsas de plástico de un único uso, e é o terceiro consumidor de Europa. Cada ano distribúense 10.500 millón de bolsas de plástico no Estado, o que equivale a 96 mil toneladas. O 62 por cento destes millóns de bolsas reutilízase como bolsa para o lixo, e só o 10 por cento é introducido nos contedores amarelos para ser reciclada.
Antes de terminar coas bolsas, o goberno español apela á redución do seu emprego, namentres os empresarios dos plásticos consideran que o reemprego destas como bolsas do lixo é unha das alternativas á súa desaparición, ademais de promover unha nova bolsa, meirande que as actuais e máis resistente, que poida ser reutilizada unha e outra vez até que deixe de ser útil.
Críticas dende a industria do plástico
Esta medida do goberno español foi duramente criticada pola industria do plástico dende que se anunciou, ao considerar os empresarios do sector que, de se aprobar o plan, terían que prescindir de case a metade da súa capacidade produtiva.
Os empresarios do plástico tamén teñen criticado a produción de bolsas biodegradábeis (que substituirían ás de plástico de un só uso), ao considerar que a súa produción non está garantida, posto que tampouco o está a materia prima precisa para as fabricar. Ademais, tamén se cuestiona que a produción destes materiais biodegradábeis sexa moito máis respectuosa co medio do que a das bolsas de plástico actuais, alén de salientar que a súa fabricación é bastante máis cara.