Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Taxa ecolóxica

Os portugueses xa non pagarán polas bolsas de plástico

O goberno portugués recúa na súa iniciativa de cobrar cinco céntimos por cada unha delas.

Redacción - 09:25 06/12/2007
Campaña de redución das bolsas de Pingo Doce

Campaña de redución das bolsas de Pingo Doce

As autoridades de Portugal desmentiron a súa intención de cobrar cinco céntimos por cada bolsa de plástico que se utilice para transportar compras nas grandes superficies comerciais. Esta taxa ecolóxica, que xa está a funcionar noutros países como Irlanda e que acadou unha redución no consumo deste tipo de materiais, “xa non é unha hipótese para o goberno”, segundo indicou o secretario do Estado do Ambiente, Humberto Rosa.

O dirixente afirmou que a taxa era unha das medidas baralladas para diminuír o consumo destes produtos, mais “foi descartada porque non era a mellor opción”. Humberto Rosa indicou ademais que o goberno está a estudar outras hipóteses, seguindo os consellos dos operadores do sector, así como campañas de sensibilización dos consumidores para o uso de materiais biodegradábeis ou a utilización do ecovalor.

Presións empresariais
A idea de impor esta medida non foi ben acollida por todos. Os operadores non tardaron en mostrar a súa disconformidade, describíndoa como inconstitucional e denunciando que xa están a pagar unha taxa á Sociedade do Ponto Verde, para financiar a recollida dos residuos.

Dende a Associação Portuguesa de Empresas de Distribuição (APED) rexeitaron esta taxa ecolóxica e criticaron o feito de que o anteproxecto do Goberno non explicase que establecementos comerciais ían estar suxeitos a esta medida. xa que só indicaba que vai dirixida aos “operadores de maior dimensión”.

Beneficios da taxa
Con esta medida pretendíase atallar o problema do uso masivo de bolsas de plástico que posteriormente non son reutilizadas, o que dificulta as operacións de recollida e tratamento de residuos sólidos, afectando tamén ás redes de saneamento de augas e contribuíndo ao deterioro da paisaxe e ao incremento da polución.

Exemplo do bo funcionamento desta iniciativa son algúns establecementos comerciais do país, que están a cobrar entre dous e tres céntimos por bolsa, cunha boa aceptación por parte dos consumidores. O desembolso desta pequena cantidade non supón demasiado para os usuarios, pero provoca que se dean de conta da valía que ten cada bolsa de plástico e a súa conseguinte reutilización.

Así funcionan as cadeas de Minipreço, Lidl, Plus, Aldi e Dia, e os supermercados Pingo Doce, que viron reducida a cantidade de bolsas utilizada nun 50 por cento. A experiencia irlandesa tamén apoia os beneficios desta iniciativa, xa que a aplicación dunha taxa de 15 céntimos reduciu o consumo nun 90 por cento.


4,46/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: