A outra candidata é Murcia, cuxo alcalde xa está máis calmado, despois de pedir a impugnación do proceso a pasada semana.
A Comisión de Deporte Universitario do Consello Superior dos Deportes (CSD) ha decidir esta terza feira se Vigo vai ser a cidade candidata polo Estado Español a acoller a Universiada de 2013; ou se, pola contra, vai ser Murcia.
Durante a mañá a comisión ha escoller entre as dúas cidades, despois de valorar polo miúdo as súas candidaturas. Unha vez que se saiba o nome da cidade escollida, o alcalde vigués, Abel Caballero; o reitor da Universidade, Alberto Gago; e o tenente de alcalde e valedor da candidatura, Santiago Domínguez, han comparecer ante os medios.
Domínguez aínda afirmou esta segunda feira que Vigo "é a mellor candidata" e amosou a súa confianza de que o CSD decida "atendendo a criterios deportivos e técnicos, non políticos", como denunciou a pasada semana o alcalde de Murcia, Miguel Ángel Cámara (PP).