Pensa que os votos dalgúns dos membros do Consello Superior dos Deportes están "politicamente condicionados contra Murcia" e a favor da cidade olívica.
O alcalde de Murcia, Miguel Ángel Cámara, remitiu esta quinta feira un escrito ao presidente do Consello Superior dos Deportes (CSD) para solicitar formalmente a exclusión dos membros políticos deste órgano que forman parte da comisión avaliadora de las candidaturas para a organización da Universiada 2013, á que tamén opta Vigo.
O alcalde murciano pediu que o director xeral de Deportes, Manuel Fonseca, e o subdirector xeral de Promoción Deportiva, Antonio Montalvo, non participen co seu voto, xa que, aos seu ver, "a súa presenza contaminaría as decisións porque están politicamente condicionados contra Murcia". Para Cámara, estas dúas persoas estarían interferindo nas decisións dos presidentes das federacións e dos membros da comisión permanente que escollen entre a súa cidade e Vigo.
Esixiu "rigor, seriedade e transparencia"
"Nós non tivemos coñecemento de ningunha documentación, obviáronnos á hora de comunicarnos cuestións, e tamén estamos vendo como neste proceso houbo cambios de criterios unilaterais", denunciou Cámara referíndose aos supostos favoritismos que atopa a prol da candidatura de Vigo.
Por último, Cámara insistiu na necesidade de non politizar o deporte e engadiu que, "se fose por criterios deportivos", Murcia non ten "nada que temer". "Entendemos que Murcia ten que ser a cidade candidata, dende logo se son criterios políticos xa sabemos o que vai acontecer", concluíu.