A Consellaría de Pesca achegara ao Parlamento unha lista de quince modificacións onde segundo o director xeral de Recursos Mariños, destacan as "variacións urbanísticas".
"Esta falta de honestidade non se espera dun goberno de esquerdas", reprobou a presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adela Figueroa, crítica á que se sumou Tino Quintela como voceiro da plataforma "Galiza non se vende", que suma até 60 colectivos agrupados para denunciar a destrución ambiental e patrimonial do territorio, e que inclúe o Plan Acuícola entre os seus obxectos principais de crítica. Ambos os dous coincidían este luns en cualificar de "tomadura de pelo" as modificacións no Plan anunciadas pola Consellaría de Pesca, recordando que xa estaban suprimidas algunhas das plantas das cinco que reducen a 25 as actuais 30 instalacións.
Quintela e Adela Figueroa lembraron para Europa Press que "dende un principio" a piscifactoría de Pescanova en Cabo Touriñán en Muxía estaba descartada, xa que era a que o goberno de Manuel Fraga incluía no Parque Agroalimentario, agora substituído polo Plan Acuícola. Por outro lado, a voceira de Adega insistiu en que Pesca tiña que reducir as dimensións da piscifactoría de Foxolongo, en Rinlo, xa que existe unha sentenza nese sentido do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG).
Con todo, valorou positivamente as outras catro supresións que considerou necesarias, xa que na súa opinión "incidían bastante" e eran "moi agresivas" para a Rede Natura, pola súa proximidade. Non obstante, Adega interpretan como "insuficientes" estas modificacións no plan acuícola. Ademais, recordan que antes de proceder a novas autorizacións deberan solucionarse os problemas que xeran as actuais, principalmente o da contaminación que xeran, con vertidos de "milleiros de toneladas de contaminantes e antibióticos" que técnicos desta asociación ecoloxista detectaron por exemplo hai poucos días na planta de Quilmas.
O PP di que Pesca quere "dar a idea de que fixo cambios" pero sen facelos
Desde o Grupo Parlamentario do PPdeG acusaban este luns ao director xeral de Recursos Mariños da Consellaría de Pesca, Antonio García Elorriaga, de "mentir" ao Parlamento ao anunciar a "suposta supresión" de cinco piscifactorías do novo plan acuícola, xa que advertiu de que tres delas "nunca chegaron a estar incluídas no último documento elaborado polo Goberno".
Xosé Manuel Balseiro, voceiro de Pesca do PPdeG, atribuíu o anuncio a unha "manobra" da Xunta para tratar de "enganar" aos afectados e trasladarlles a "idea" de que se están a introducir cambios significativos na súa proposta, "cando realmente non é tal". Na opinión do PP, a Consellaría de Pesca continúa sumida "na confusión máis absoluta".