Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
APAGAMENTO ANALÓXICO

A Xunta asegura que cumprirá os prazos de cobertura da televisión dixital

Porén, o director xeral de Comunicación Audiovisual dubidou do interese das canles privadas en asumir o custo de chegar a todos os recantos de Galiza.

M. del Río - 12:46 19/02/2008
García Porto, Fernández Iglesias e Guillermo Escrigas, director do CGAI, no acto de presentación

García Porto, Fernández Iglesias e Guillermo Escrigas, director do CGAI, no acto de presentación

A empresa pública de telecomunicacións Retegal está preparada para despregar a televisión dixital terrestre (TDT) no país e cumprir os prazos marcados para o apagamento analóxico. Así o anunciou o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, quen, asemade, evitou poñer a man no lume polo que fagan as canles privadas de cobertura estatal.

O concello lugués da Fonsagrada será o primeiro en decirlle adeus á televisión analóxica, a primeira semana de abril. Segundo explicou Fernández Iglesias, escolleuse esa zona para experimentar o despregamento da TDT, máis que polas dificultades orográficas, polas características da súa poboación. Ao custo económico e loxístico que supón dotar os reemisores da programación dixital súmase a concienciación dos cidadáns, especialmente de maior idade e ámbito rural, a que adquiran os equipos necesarios para poder ver a nova televisión. Para acadalo, este mércores presentarase un plan de incentivos para a poboación.

O director xeral tamén asegurou que Retegal cumprirá coa parte que lle toca para acadar o cesamento analóxico nos prazos previstos para cada zona: o 31 de decembro de 2008 en Ourense Leste, o 30 de xuño de 2009 en Santiago, o 31 de decembro de 2009 nas áreas de Meda e Ares e o 3 de abril de 2010 en Domaio e Páramo. Para iso, durante 2008 poñeranse en marcha 51 novos centros.

O director xerente de Retegal, Xesús García Porto, explicou que o despregamento dun múltiplex (que emite catro canles) para a práctica totalidade da poboación ten un custo de 15 millóns de euros. Este custo é moi superior en Galiza, pola dispersión da poboación e o relevo accidentado, ca noutras partes do Estado Español. Por iso, o director xeral dixo que posibelmente boa parte do 4% da poboación estatal que quedará sen cobertura das dixitais privadas chegado o apagón estará no noso país. Porén, o responsábel de Retegal asegurou que, teoricamente, non se pode apagar en analóxico se non se "acende" antes en dixital.

Retegal é responsábel de transportar o sinal das dúas canles públicas e dúas privadas galegas, de catro canles de TVE e, en parte, das televisións privadas estatais, para garantir que a cobertura en Galiza sexa semellante ao resto do Estado. Porén, segue a haber un desequilibrio entre as zonas que reciben as televisións públicas en dixital e as que poden acceder tamén ás privadas, segundo os mapas que se presentaron este martes.

Televisións portuguesas e locais
En relación coa chegada das televisións portuguesas en Galiza, Fernández Iglesias afirmou que a Carta Europea di que o Goberno non se pode opoñer á recepción das mesmas, pero tamén asegurou que hai prioridades máis importantes: o despregamento das autonómicas e das públicas e privadas estatais. A todo isto hai que engadir outros atrancos, como a xestión de dereitos de emisión e a publicidade, a necesidade dun acordo entre os dous estados, o atraso do despregamento dixital en Portugal e a falta de espazo radioeléctrico, que farán imposíbel o proceso antes do 2010. O director xeral asegurou, no entanto, que as canles portuguesas xa se poden recibir nunha ampla zona do sur do país e que se pode acceder á televisión lusa internacional en aberto a través do satélite, cunha instalación que custa uns 100 euros.

No que se refire ás televisións locais, que tiñan que ser, nun principio, as pioneiras en emitiren en dixital, Fernández Iglesias dixo que o Estado, que ten a competencia de xestionar o espectro radioeléctrico, está a estudar a solución que lles dará ás que quedarán sen emitir por careceren de concesión dixital. Mais anunciou que "dentro duns meses" empezarán a facelo en TDT as canles locais que superaron o concurso.

Concurso de fotografía
Retegal, a Secretaría Xeral de Comunicación e o Centro Galego de Artes da Imaxe poñen en marcha un concurso fotográfico para salientar o patrimonio tecnolóxico e cultural que supoñen os faros e os centros emisores de telecomunicación ("faros de hoxe") e, asemade, apoiar a candidatura da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Para iso, o certame Faros de onte, faros de hoxe repartirá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros e até 50 distincións de 300 euros para as mellores fotografías que reflictan ese patrimonio. As bases do concurso e os traballos que vaian chegando pódense consultar nun apartado especial da web de Retegal. O prazo está aberto até o 10 de setembro.


Documentos

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: