Finalmente cumpriuse o que publicou este venres El Correo Gallego e o que publicou Vieiros hai unha semana: La Voz de Galicia e Popular TV, a rede de emisoras pertencente á Cope, gañaron os concursos da televisión dixital autonómica. Quedou fóra a plataforma de Filmax e o resto da prensa galega. Pero non todo está falado. Esta plataforma aínda podería recorrer a decisión e conseguir que o goberno bipartito revise o proceso de concurso. O Colexio Profesional de Xonalistas de Galiza considera que a adxudicación á Cope dunha das licenzas "hipoteca o futuro do audivisual galego"
Ademáis, o Consello da Xunta de hoxe non decidiu sobre os concursos da TDT local nin sobre os da radio dixital, nos que hai en xogo 60 emisoras de televisión e 72 de radio. Polo tanto, podería ser a última sesión do Consello da Xunta do goberno en funcións do PP a que desvelase esta incógnita. Seguramente sexa o próximo 26 de xullo se non hai novos aprazamentos.
A proposta de La Voz de Galicia prevé investir 97 millóns de euros e crear 148 postos de traballo. Pola súa banda, a Cope asegura que investirá 2,3 millóns de euros e crear 40 postos de traballo. Quen quedou fóra foi a plataforma apadriñada por Filmax na que entraban o resto dos xornais galegos e o financeiro Juan Carlos Cebrián. Malia achegar un proxecto cun investimento próximo aos catro millóns de euros, co compromiso de crear 220 postos de traballo e unha programación en galego en máis dun 70%, o Consello da Xunta decantouse polas outras dúas concursantes. Segundo o xornal El Correo Gallego a decisión final foi cousa do propio Fraga.
Hai maneira de recuar?
Si, de feito hai dúas maneiras para revisar o reparto e mesmo volver facelo. A primeira delas é a vía política. Segundo as fontes xurídicas consultadas, o PsdeG-PSOE e mailo BNG non poderían revocar directamente a decisión do Executivo en funcións do PP. Porén, o que sí sería viábel, aínda que complexo, é que o novo goberno declarase lesivo o acto da concesión das licenzas por parte do Consello da Xunta por non ser acorde co regulamento xurídico.
Para iso sería preciso un informe avalado polo Consello Consultivo de Galiza que ben podería estar fundamentado no feito de que fose un goberno en funcións o que tomou unha decisión tan trascendente para o país. Neste caso, quen tería a última palabra sobre a impugnación dos concursos sería o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A outra vía para desfacer o nó que deixe atado hoxe o PP sería a de que a principal prexudicada polo reparto -a plataforma composta por Filmax Entertainment e os principais xornais agás La Voz- recurrise a decisión do Consello da Xunta, ben nos tribunais ou ben mediante un recurso potestativo impugnando o reparto.
Dacordo coa lei a plataforma podería presentar ese recurso nos próximos 30 días e, desta maneira, xa sería o Consello da Xunta conformado polo novo goberno bipartito o que volvería revisar as ofertas presentadas por cada concursante. En resume, aínda podería modificarse o reparto das licenzas sempre e cando haxa unha reclamación fundada de quen quedou fóra malia cumprir os requisitos.
Para cando as radios e as televisións locais?
O Consello da Xunta de hoxe non resolveu os concursos sobre a TDT local e sobre a radio dixital, parece ser que "por cuestións técnicas", segundo informou Europa Press. A decisión podería tomarse a vindeira semana, concretamente o martes 26, data prevista para a celebración do último Consello da Xunta do goberno 'popular' en funcións. O principal interese dos concursos aínda por resolver volve centrarse na TDT de ámbito local. As empresas privadas interesadas en ter televisións locais concursan por 20 das 21 demarcacións existentes. En total hai 85 solicitudes para 60 programas privados o que significa que 25 empresas quedarán fóra en todas ou en algunha das demarcacións ás que optan.
Onde máis difícil vai estar a cousa é nas grandes cidades e nas súas áreas metropolitanas xa que é alí onde se concentran o maior número de solicitudes (ata 11 para tan só tres programas a concurso). De novo haberá que esperar uns cantos días para ver como deixa configurado o PP o panorama audiovisual galego.