Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMUNICADOS DO SINDICATO DE XORNALISTAS E DAS ASOCIACIÓNS DE PRENSA

Os xornalistas amosan preocupación laboral ante o reparto das licenzas de TDT local

O peche de varias televisións que levaban tempo emitindo cunha plantilla estábel de traballadores, xunto ao aumento da precariedade laboral por parte das empresas de fóra que veñan ocupar o seu sitio na nova televisión dixital local son algunhas das preocupacións que manifestan as agrupacións de xornalistas galegos logo do anuncio da concesión das licenzas hai unha semana no Consello da Xunta. O Sindicato de Xornalistas solidarízase cos traballadores que irán ao paro, sen meterese a valorar a selección de empresas adxudicatarias, mentres que as asociacións galegas de prensa (A Coruña, Lugo e Santiago) son máis duras coa decisión do goberno, e lamentan que non se tivese en conta a opinión do sector.

- 13:00 13/07/2006
Tags:

O Sindicato de Xornalistas de Galicia enviou un comunicado no que quere amosar a súa solidariedade cos traballadadores das televisións locais que quedaron excluídas, dos que cren que "son os principais damnificados, pois poden ficar sen emprego; no caso de confirmarse o peche en 2008 das canles analóxicas que emiten na actualidade e que non lograron unha concesión de TDT". A organización non permitirá que o lanzamento destes medios se realice "a costa de facer aínda máis precarias as pésimas condicións laborais dos traballadores da comunicación".

O SXG lembra que xa denunciou en dúas ocasións o perigo do aumento da precariedade laboral na introdución das novas canles. O Sindicato reclamou que a creación de postos de emprego dignos fose un dos criterios básicos para resolver o concurso das TDT en outubro de 2005. En maio dese ano, a organización pedíralle ó Goberno do Partido Popular que aumentase a valoración da creación de postos de traballo no baremo de resolución do concurso, petición ignorada daquela.

O Sindicato rexeita que a creación de postos de traballo só aportase 15 puntos ao baremo final, sobre un total de 450 puntos posibles. É máis, a Xunta valorou na mesma medida a creación de postos de traballo e a "a emisión de cancións interpretadas en lingua galega nunha porcentaxe superior ó 25% da programación de música cantada", criterio polo que tamén se sumaron ata 15 puntos. Así figura prego de condicións, que se pode consultar na web do SXG.

Por último a organización lémbralle ó Goberno de PSdG e BNG que, se quere cumprir a súa promesa electoral de promover a independencia dos medios, é imprescindible que fomente unha mínima estabilidade laboral entre os traballadores. "Non hai medios independentes cando os xornalistas non teñen un emprego digno. Por iso, a introdución das emisoras dixitais constitúe unha oportunidade única para a Xunta de fomentar un xornalismo independente". O Sindicato teme que vaian a máis as prácticas habituais da precariedade nos medios, como a contratación de falsos autónomos, as xornadas abusivas e a explotación de estudiantes en prácticas.

Non se contou co sector
Pola súa banda as asociacións de prensa da Coruña, Lugo e Santiago lamentan noutro comunicado que o sistema de concesións sexa "meramente político-administrativo "sen ter para nada en conta a opinión do sector, e máis en concreto canto nos atinxe, a opinión das asociacións de xornalistas", e urxen á creación do Consello Audiovisual de Galicia, "totalmente profesionalizado, para que tome cartas nestes asuntos de máxima importancia no panorama audiovisual galego".

As asociacións lembran que no seu día xa manifestaran que a "excesiva proliferación de licenzas" ía repercutir nun aumento da precariedade laboral. "O exceso de oferta non implica necesariamente un aumento da liberdade de expresión, senón máis ben queda nun aumento cuantitativo de mesma e non cualitativo, como sería de desexar", din. Para evitar esta situación pídenlles ás empresas concesionarias "a defensa e remuneración digna dos postos de traballo, así como a contratación de xornalistas profesionais e titulados, como para o cargo de director da TDT reserva o artigo 7 apartado 12 das Bases".

Ademais estiman a perda de 150 empregos directos por mor do "excesivo" outorgamento de licenzas a empresas radicadas fóra de Galiza "contrario a filosofía de televisións locais e lonxe de conquerir un ambito audiovisual galego, sendo nalgúns casos claramente favorecidas empresas de próximas afinidades ideolóxicas", e manifestan o seu desagrado por que os criterios sigan sendo "alleos á profesionalidade, a pesar do cambio político en Galiza". As asociacións de prensa observarán o cumprimento das regras do xogo en canto ás producións galegas e utilización da lingua "xa que a realidade na meirande parte dos casos coñecidos ata o de agora, é de incumprimento", e aseguran que no caso contrario apelarán ao réxime sancionador.


Ligazóns

0/5 (0 votos)