Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'GALIZA NON SE VENDE'

Dez mil persoas danlle un toque de atención ao bipartito

Éxito de participación na mobilización deste domingo en Compostela contra a destrución do territorio.

Marcos S. Pérez / Vídeo: Lucía Iglesias - 15:30 17/02/2008

Unhas dez mil persoas ateigaron as rúas de Compostela e a praza da Quintana nun domingo de primavera anticipada. Trátase da manifestación máis numerosa das celebradas en Galiza dende 2004, e é especialmente importante polo que ten de simbólico, de punto de inflexión na lexislatura e de toque de atención para os dous partidos que conforman o goberno. "Galiza non se vende, goberne quen goberne" foi o berro máis repetido polos manifestantes, chegados de todo o país.

De Merexo, da Seiruga, do Suído, do Ribeiro, do Courel, de Ferrol, do Salnés, de Bouzas, de Marín, da Serra da Groba, de Quilmas... Galiza ten ao redor de trinta mil núcleos de poboación e cada un ten os seus problemas, sobre todo relacionados nos últimos anos coa destrución do medio natural. Colectivos veciñais e medioambientais levan meses sendo conscientes das semellanzas existentes entre os males que sofren a nivel local, e da necesidade de actuar conxuntamente para mellor analizalos e, sobre todo, para influír nas administracións e nos medios de comunicación. Así naceu a rede, que foi quen de axuntar a máis de sesenta colectivos, unidos pola desfensa do medio natural.



Música, performances e disfraces
A manifestación foi orixinal e festiva (unha mani-festa-acción, como se prometera), chea de música, de percusións e gaitas, e de performances, como a que protagonizaron uns Touriño, Quintana e Feijoo de carauta, que arrastraban uns carriños de supermercado cheos de cartos. Ou o cambio de nome dalgunhas rúas de Santiago, levado a cabo por outro grupo que rebautizou o Hórreo por "Rúa da Corruptela" ou a Senra por "Avenida das Piscifactorías". Houbo tamén críticas para os medios de comunicación, que foron acusados de ignorar e ocultar a mobilización e os principais problemas de Galiza.

Xa na Quintana, os representantes dos colectivos congregados denunciaron á soidade que senten "estamos sós, somos a cidadanía", acusando a PSOE, BNG e PP de telos abandonado. Mais tamén advertiron, na voz de Mabel Rivera: "temos intacta a dignidade como pobo e non queremos perdela". Foi unha manifestación da xente, dos veciños, de persoas anónimas. Pero na Quintana destacaba tamén a presenza de Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira ou Lidia Senra. Nos discursos lidos na Quintana houbo tamén unha lembranza moi especial para Carmelo Teixeiro, coordinador do Comité Cidadán da Ría de Ferrol e falecido hai uns días. A praza permaneceu en silencio para escoitar a canción coa que o homenaxeou un gaiteiro. A gaita regresou para pechar a manifestación co habitual canto do himno galego.


4,51/5 (68 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: