Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA

Milleiros de persoas berran 'Galiza non se vende'

Veciños e colectivos sociais e medioambientais chegados de todo o país conforman unha marcha masiva caracterizada polo ambiente festivo e a música.

Redacción - 12:52 17/02/2008

Na presentación da rede Galiza non se vende o pasado novembro os representantes que exercían aquel día de voceiros da rede resumiron os dous anos de goberno bipartito cun rotundo "quedamos sen espazos de oposición", e acusaron aos dous partidos que conforman a Xunta de defender un "modelo enerxético depredador, en contra dos intereses dos cidadáns" e de ter mudado moi pouco as políticas exercidas polo Partido Popular.

Galiza non se vende sitúa entre os principais problemas do país o plano acuícola elaborado pola Xunta, a Lei de Minaría, a Lei de Portos Deportivos, o urbanismo salvaxe, a destrución do litoral e das rías, a instalación de indsutrias perigosas ou contaminantes como Reganosa e Ence, así como a destrución do entorno provocada polos parques eólicos e a contaminación xerada polas centrais térmicas.

A rede espera reunir este domingo en Compostela a milleiros de persoas chegadas de todo o país e que están a sufrir distintos problemas a nivel local ou cuxo entorno máis próximo está véndose ameazado ou está sendo destruído. Os integrantes da plataforma definen a convocatoria como unha mani-festa-acción, polo carácter lúsico e orixinal que terá a marcha.

As orixes da rede
O xermolo da plataforma foi a Rede Litoral Vivo, nacida hai uns meses e que en maio convocou unha gran manifestación en Compostela baixo o lema, precisamente, de "Galiza non se vende". En Litoral Vivo aglutinábanse xa un bo número de colectivos en defensa das rías ou da costa. Pero non só a costa está ameazada, como quedou claro nas accións locais en defensa do Courel ou da Serra da Grova. Así pois, a rede abriuse a outros colectivos e hoxe agrupa xa a máis de sesenta asociacións. As entidades que conforman a rede comparten o obxectivo de "acadar unha xestión máis sustentábel e solidaria dos nosos recursos naturais e pular por unha ordenación do territorio racional e socialmente xusta".


4,53/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: