 
 
O alcalde de Lugo acúsao de "cambiar as regras do xogo" por obrigar que os concellos de máis de 20 mil habitantes invistan un mínimo do 7% en benestar.
 
											Orozco mantén un tirapuxa coa Vicepresidencia
O alcalde de Lugo, o socialista Xosé Clemente López Orozco, defendeu esta quinta feira a autonomía local fronte ao "centralismo" do vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, ao que acusou de "cambiar as regras do xogo".  
O rexedor lucense facía referencia a obriga de que os concellos de máis de 20.000 habitantes invistan polo menos o 7% dos seus presupostos en servizos sociais, un 1% máis ca o contemplado na normativa vixente. 
Orozco invocou a constitución española e o Estatuto para defender a autonomía dos municipios e recordou que o goberno que preside achega a políticas de benestar o 9%, máis que o mínimo marcado polo proxecto da Vicepresidencia. 
"Agora tense que producir a descentralización de Santiago aos concellos", proclamou, e reivindicou estas administracións como "maiores de idade". Ademais, referiuse ao pasado de Quintana como alcalde de Allariz, que, segundo Orozco, "no seu día tamén defendeu a autonomía municipal". 
Porén, fixo un chamamento á cooperación entre administracións, e sinalou que pedira unha xuntanza co vicepresidente, aínda que, en caso de que non se lle conceda, dixo que manterá aberta a interlocución a través da Fegamp. 
  
Apoio dos alcaldes do BNG á norma 
Non se trata do primeiro desencontro entre o Concello de Lugo e a Vicepresidencia do Goberno, xa que precisamente esta semana a corporación, cos votos de PSdeG e de PPdeG, rexeitou que unha gardaría de cidade se adherise á Rede de Galescolas. 
Esta situación provocou tamén a reacción dos alcaldes do BNG nas provincias de Lugo e da Coruña. Así, convocaron senllos actos, un en Lugo e outro en Melide, onde leron publicamente unha declaración de apoio ao proxecto de Lei de Servizos Socias e mais ás políticas de vivenda, tamén cuestionadas por algúns alcaldes do país.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto