O alcalde, López Orozco, di que "houbo acordo co partido que quixo chegar a ese acordo". O BNG 'gaba' a "boa saúde" do "centro-dereita".
Os orzamentos municipais lucenses para 2008 serán aprobados en pleno extraordinario dentro de dúas semanas, logo do acordo entre o PSOE de e PP.
O alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, e a concelleira de Economía, Sonia Méndez, mantiveron unha xuntanza este venres onde chegaron a un acordo co Grupo Popular. López Orozco salientou a súa "ledicia" polo seu apoio.
"Cando hai consenso, desa suma sae beneficiada a cidade", dixo, e afirmou que o pacto non modifica o esquema de goberno, senón que "se suma outra visión e iso supón que máis lucenses se ven reflectidos nestes orzamentos".
O alcalde lembrou que nas eleccións municipais do 27 de maio "a cidadanía decidiu que fose necesario o acordo para sacar adiante algúns temas", e que polo tanto "son máis de 40.000 lucenses os que din que si a estes orzamentos".
Pola súa banda, o líder do BNG lucense, Xosé Anxo Laxe, afirmou que PP e PSOE fixeron un "troco de cromos", e que os populares apoiarán o presupostos cunha simple modificación de 360.000 euros na proposta inicial presentada por Xosé Clemente López Orozco.
"Goberno de centro-dereita"
Este é o terceiro pacto entre Orozco e o PP no que vai de mandato, despois do Pleno de Organización e da privatización do servizo de augas. O voceiro nacionalista afirmou que "o goberno de centro-dereita lucense entre o PP e o PSOE é verdadeiramente sólido, goza de boa saúde e está máis vivo que nunca".
Segundo Laxe, o BNG propoñía uns "orzamentos sociais e investidores", con redución dos gastos superfluos, "mais o PSOE preferiu ao Partido Popular antes ca o Bloque Nacionalista Galego".