O propio secretario de Organización, Xosé Blanco, pronunciouse publicamente a prol de chegar canto antes a un pacto.
Tres meses despois do paso polas urnas Lugo aínda segue agardando o pacto posíbel entre PSdeG e BNG. A inercia da caída da era Cacharro na Deputación de Lugo estimulou os contactos entre socialistas e nacionalistas e adiou momentaneamente os tirapuxas a conta do escenario municipal. Pero unha vez que o novo goberno provincial botou a rodar, a necesidade do goberno estábel no Concello de Lugo regresa a primeiro plano e as posicións de partida non prognostican optimismo a curto prazo.
En entrevista nos micrófonos da RNE, o secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, opinou recentemente que sería bo que Lugo "teña garantida a estabilidade para que as súas xentes aproveiten este momento histórico e lle dean un impulso á cidade nun momento no que hai unha disposición magnífica desde as diferentes administracións". Así, Blanco chamou a pechar canto antes un pacto do PSdeG lugués co Bloque e dixo agardar que "o tempo consiga facer cicatrizar as feridas abertas" entre as dúas formacións políticas.
Desde o BNG lugués amarrábanse este mesmo luns ás declaracións de Xosé Blanco, lembrando pronunciamentos no mesmo sentido do propio secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, chamando a conseguir o pacto canto antes. Os nacionalistas insisten en que a dirección dos socialistas é partidaria "dun goberno de coalición en Lugo que é Orozco quen rexeita". O voceiro nacionalista no Concello, Xosé Anxo Lage, queixouse de que o rexedor lugués "vai por libre" respecto ás recomendacións do seu partido e pediulle que faga por chegar a un acordo que lle "daría estabilidade á cidade". "Lugo é a única cidade de Galiza sen goberno de coalición, a non ser que Orozco queira seguir gobernando cun goberno de centro dereita, como xa ensaiou", laiouse o voceiro do Bloque.