O diario estadounidense Washington Post tivo acceso a unha proposición elaborada pola Comisión Europea neste senso.
Os datos persoais serían compartidos cos gobernos aliados
A Unión Europea vai someter a todos os viaxeiros que traspasen as súas fronteiras a un rexistro das súas impresións dixitais, segundo afirma o diario estadounidense Washington Post. O xornal tivo acceso ao texto da proposición elaborada pola Comisión Europea que se podería dar a coñecer esta cuarta feira.
O proxecto permitiría recoller a información persoal de decenas de millóns de viaxeiros que entran ou saen da UE. Isto implica que os datos serían compartidos cos servizos de seguridade doutros 'países amigos'. Ademais, "algúns viaxeiros" -segundo o diario- serían tamén fotografados.
Na práctica, a medida serviría para comprobar que a información recollida á entrada dun viaxeiro se corresponda coa de saída, e viceversa, co obxectivo de -segundo os seus impulsores- loitar contra a ameaza terrorista e a inmigración ilegal.
De se confirmar a noticia -e de ser aprobada polo Parlamento-, a Unión Europea uniríase a Estados Unidos e Xapón que xa practican controis biométricos nas súas fronteiras. A administración do país norteamericano xa dispón dun ficheiro con 85 millóns de impresións dixitais.