Aymerich cre que hai que ter en conta a forte contestación veciñal e o voceiro socialista pídelle "responsabilidade".
O portavoz do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich,anunciou este sábado en Carballo que falará o luns co seu homólogo socialista Ismael Rego para ver de modificar en parte o Plan Acuícola. O deputado nacionalista afirmou que “é de sentido común parar e repensar un plan que está a ter tanta contestación social na Costa da Morte”. Aymerich referíase ás piscifactorías que se contemplan en Seiruga (Malpica), Camelle (Camariñas) e Merexo (Muxía).
A contestación dende as filas socialistas chegou poucas horas despois. Ismael Rego lembrou de xeito contundente que o Plan Acuícola “conta co aval de todo o Goberno”. O parlamentario socialista vinculou a proposta de Aymerich co “nerviosismo electoral” e recomendoulle “apoiar os grandes proxectos do país”.