No seu primeiro concerto encheron o soto do CS O Pichel de xente saltando ao ritmo dunha chea de temas novos, algunhas versións e o coreado Biocultivos.
Era a primeira vez que tocaban xuntos os nove, aínda que moitos deles xa tiñan experiencia (veñen de grupos como Festicultores, A Matraca Perversa ou Galegoz) sobre os escenarios.
Cheo... a rebentar!
Esta sexta feira o CS O Pichel estaba cheo. Case todo o mundo quería saber quen formaba o misterioso grupo que gañara o concurso da canción galega do verán 2007, A Polo Ghit!, co tema Biocultivos. Tamén había moitos amigos, e o ambiente, entre follas de repolo e chimpos solidarios, foise quentando.
Estrearon temas propios, botaron Biocultivos un par de veces, fixeron unha versión d'Os Resentidos e outra da Matraca Perversa, cantaron o himno da Marcha Mundial das Mulleres e animaron ao público ao berro de "Barbeito por dereito!".
Velaquí vai unha mostra, pequena, do que foi o concerto (co tema bilingüe, en galego e catalán, Mamá Sarinha; unha oda ao espirituoso licor café; e un chisquiño de Biocultivos); e unha entrevista que Vieiros conseguiu facer, meténdose no backstage cos 9 integrantes de Sacha na Horta. Alí contáronnos as súas impresións após a súa estrea e que hai vontade de seguir, e, tal vez, de gravar algo, en atopando patrocinio.